Rueda confirma a creación en Ourense da Área de Turismo Termal para consolidar a Galicia como un referente neste eido

Salientou que a creación desta nova área potenciará a posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vinculados ao termalismo en Galicia
 

O turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior capacidade de desestacionalización da demanda turística e con poder para a captación de máis segmentos de público

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou hoxe a creación da Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, tal e como lembrou que se comprometera na súa sesión de investidura e da que adiantou que ten como principal obxectivo a proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo.

 

Galicia é a primeira potencia termal de España, en gran parte grazas a Ourense que é a segunda cidade europea con máis fontes termais, de aí a localización da Área de Turismo termal, que se encargará -segundo explicou o mandatario galego- de “coordinar e asumir” todas as decisións e iniciativas en materia de termalismo, cuxas competencias ata agora estaban repartidas entre diferentes consellerías. E incidiu que e terá como obxecto principal reforzar a faciana do termalismo que ten máis proxección exterior, “que é a de recurso turístico”, precisou.

Deste xeito, coa creación desta nova área, que estará integrada na dirección da Axencia de Turismo de Galicia, potenciarase a posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vinculados ao termalismo en Galicia, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan ao impulso de Galicia como destino termal.

Rueda explicou algunhas das funcións deste novo organismo, entre as que citou, fomentar a modernización de infraestruturas existentes e crear outras novas; diversificar o sector para atraer a novos segmentos de poboación; promover a integración do termalismo galego en proxectos europeos de turismo de saúde; ou a creación dunha marca propia que identifique o turismo termal galego.

Débese salientar que o turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade. Con maior capacidade de desestacionalización da demanda e con poder para a captación de máis segmentos de público, cun gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023