A delegada territorial, Martina Aneiros, comprobou esta mañá os traballos levados a cabo ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental

A Xunta colabora co concello da Capela na mellora da eficiencia enerxética do alumeado público de varios lugares do municipio

A Xunta mantén aberta ata o 27 de febreiro a convocatoria destinada a apoiar aos municipios na mellora do medio natural e que conta este ano cun investimento de 11 M€

O Goberno galego investiu nos últimos anos máis de 182.000 euros no municipio da Capela a través de distintas convocatorias de subvencións
 

A Capela (A Coruña), 16 de febrero de 2023.-

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da Capela, Manuel Meizoso, visitou hoxe as melloras de eficiencia enerxética no alumeado público de diversos lugares do municipio nas que a Xunta colaborou con 13.600 euros ao abeiro da orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

Os traballos consistiron na substitución de 55 luminarias existentes de descarga e vapor de sodio por outras tipo LED nos lugares das Neves, Vilarón e Sande. Esta medida suporá un aforro enerxético do 47% e a redución da contaminación lumínica dos ceos nocturnos.

Trátase dunha das actuacións que financia o Goberno galego a través da orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental (liña non competitiva), destinado a apoiar aos municipios na mellora do medio natural. A Xunta destina máis de 11 M€ de euros a esta iniciativa, creada para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración do entorno, así como do equilibrio territorial.

A delegada territorial lembrou que esta orde distingue dúas liñas de axuda, unha en concorrencia non competitiva dotada de 6 M€ e outra en concorrencia competitiva á que se asignan 1,7M€. A estas contías súmanse 3,5 M€ destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.

Aneiros lembrou que as entidades locais interesadas en obter financiación da Xunta a través destas liñas de axudas teñen ata o día 27 de febreiro para solicitalas e destacou a aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida dos veciños nos municipios de menor tamaño a través da colaboración cos Concellos.

O compromiso da Xunta con A Capela materializouse nos últimos ano cun investimento de máis de 182.000 euros destinados a infraestruturas como a estación depuradora (EDAR) das Neves, ademais doutras melloras ambientais financiadas no marco do Fondo de Compensación Ambiental como a adquisición dun vehículo para tarefas de protección do medio ambiente ou a instalacións de sistemas de suxeición para os colectores de residuos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023