A Xunta colabora coa Ruta da Androlla que organiza esta fin de semana en Navia de Suarna o Club Ancares 4x4

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e representantes da entidade promotora presentaron a cita, na que se agarda a presenza duns cen participantes de Galicia e doutros puntos de España

Lugo, 16 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia apoia a Ruta da Androlla 4x4 que organiza o Club Ancares 4x4 esta fin de semana en Navia de Suarna, na que se agarda a presenza duns cen participantes procedentes de Galicia e doutros puntos de España, como Cataluña e Asturias.

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, e membros da entidade organizadora presentaron a actividade na Delegación Territorial da Xunta. O programa comezará a noite do venres 17 cunha recepción e a entrega de documentación.

A ruta partirá o sábado 18 da localidade de Navia de Suarna -sobre as nove da mañá-, e discorrerá principalmente por montes deste concello, aínda que tamén se adentrará en Cervantes. A entidade promotora concíbea como un percorrido de carácter turístico que atravesará zonas de dificultade media ou baixa, co que buscan fomentar que se coñeza este entorno da montaña luguesa e potenciar a limpeza do monte, no que levan meses acondicionando accesos para a celebración da proba.

A partir das sete da tarde aproximadamente os vehículos participantes, todoterreos e buggies, comezarán a chegar de volta a Navia. O domingo continúa a programación con probas de habilidade no circuito de Grandela e coa entrega de premios.

A Ruta da Androlla, de longa tradición, celebra este ano a cuarta edición organizada polo Club Ancares 4x4. Javier Arias apuntou que a Xunta colabora cos gastos de organización desta actividade, que supón “un recurso turístico e de dinamización da economía local”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023