A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa delegada de Stop Accidentes, e a directora do CEIP, supervisou hoxe os traballos iniciados nas vías autonómicas PO-223 e PO-224

Ethel Vázquez avanza que no verán de 2024 os veciños e escolares de Santo André de Xeve, en Pontevedra, verán transformada a mobilidade e a seguridade tras a mellora viaria na que a Xunta inviste máis de 2 M€

Vázquez Mourelle destaca o obxectivo de enlazar os núcleos do Couso e Sobral promovendo unha contorna escolar máis segura, ao tempo que se facilitan os desprazamentos dos veciños unindo os principais equipamentos da zona: o polígono empresarial, o colexio e a parroquia

Na PO-223 habilitarase unha senda de uso compartido de 2 km de lonxitude e nos cruces executaranse semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración, dotarase un tramo de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro e melloraranse as paradas de bus

Construirase unha glorieta de preto de 30 metros de diámetro na intersección da PO-224 onde se produce o cruzamento de ambas as vías e habilitarse unha senda de 400 metros para conectar o colexio e o núcleo de Sobral, ademais de reordenar e ampliar as zonas de aparcadoiro

Executarase un carril exprés na fronte do colexio que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro e reordenarase e ampliarase a zona de aparcadoiro

Pontevedra, 15 de febreiro de 2023 Ethel Vázquez avanzou hoxe que no verán de 2024 os veciños e escolares de Santo André de Xeve, en Pontevedra, verán transformada a mobilidade e seguridade tras a mellora viaria nas estradas PO-223 e PO-224, na que a Xunta inviste máis de 2 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa delegada de Stop Accidentes, Jeanne Picard, e a directora do CEIP Santo André de Xeve, Carmen Gil, supervisou hoxe as dúas intervencións que se están a desenvolver nestas estradas da Xunta.  

 

Explicou que se trata dun conxunto de actuacións integrais e transformadoras na parroquia de Santo André de Xeve, que teñen por obxectivo enlazar dun xeito máis seguro e sostible os núcleos do Couso e Sobral. Deste xeito, abundou a conselleira, promóvese unha contorna escolar segura ao tempo que se facilitan os desprazamentos dos veciños, ao conectar mediante sendas os principais equipamentos da zona, como o polígono empresarial, o colexio público e a propia parroquia de Xeve.

 

Vázquez Mourelle concretou que os traballos, que se iniciaron a finais de xaneiro e contan cun prazo de 18 meses, están centrados nesta fase inicial na zona do aparcadoiro do CEIP: con rozas, retirada de peches, e comezouse a demoler a antiga beirarrúa e a colocar a canalización para telefonía.

 

Segundo explicou, na PO-223 vaise construír unha senda de uso compartido, peonil e para ciclistas non deportivos, de 2 km de lonxitude e un ancho transitable de 2 metros, que garante a accesibilidade. Na intervención acometeranse melloras puntuais do trazado, para encaixar a senda pola marxe dereita da vía e actuarase nas principais interseccións, con disposición de semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración.

 

A titular de Infraestruturas concretou que se incluirá un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas. Ademais, en total, melloraranse un total de 6 paradas de autobús, situadas a ambas as marxes das estradas.

 

En canto ás actuacións na PO-224, Ethel Vázquez indicou que se modificará e mellorará a intersección de cruzamento coa PO-223, onda o CEIP, habilitando unha glorieta de preto de 30 metros de diámetro que reforzará a seguridade viaria e contribuirá ao calmado de tráfico, ao producir un efecto de diminución de velocidade, remarcou.

 

Executarase unha senda que conecte o colexio e o núcleo de Sobral, 400 metros, desde a vía de acceso a Sobral ata a saída do novo aparcadoiro do centro, e reordenarase e ampliaranse as zonas de aparcadoiro: habilitarase un carril central de sentido único e 27 novas prazas en batería.

 

A conselleira destacou a ampliación da zona de aparcadoiro de autobuses, incorporando 18 prazas para mestres e empregados do CEIP onde, acadando unha notable mellora na zona de manobras, habilitando, ademais, 4 prazas para o estacionamento de autobuses. Subliñou que tamén se habilitará un carril exprés na fronte do colexio, un kiss and ride que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro.

 

Finalmente reporase a capa de rodadura no treito de actuación e reforzarase a sinalización.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade Incidiu que estas intervencións, ás que a Xunta destinará un investimento de máis de 2 M€, se desenvolverán co máximo coidado, tendo en conta a actividade diaria de alumnos e profesores, para interferir o mínimo posible.

 

Fixo fincapé que este conxunto de actuacións na PO-223 e PO-224 son o resultado do diálogo e das achegas de STOP Accidentes e a comunidade escolar para a mellora da mobilidade e o reforzo da seguridade na contorna do colexio.

 
Ethel Vázquez enmarcou as obras nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas e nas súas contornas. A este respecto, a titular de Infraestruturas, lembrou os traballos tamén iniciados de mellora da PO-546 en Estribela, para reforzar a seguridade e converter o que hoxe é unha estrada nunha rúa, na que os peóns gañen protagonismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023