O presidente do Executivo galego asistiu á posta de longo das catro foodtrucks que percorrerán preto de 6.400 quilómetros por territorio español

A Xunta anima a consumir peixes e mariscos galegos nas rutas gastronómicas da campaña ‘Galicia sabe aMar’ que chegará a toda España

Os catro itinerarios pasarán por un total de 260 municipios vencellados co Camiño de Santiago e que suman arredor de 13 millóns de habitantes

Esta iniciativa permitirá degustar unha selección de receitas elaboradas con produtos certificados do mar e da terra para enxalzar a gran variedade e calidade de recursos de orixe mariña que ofrece a comunidade

A campaña promocionará por todo o territorio nacional a excelencia das súas materias primas ao tempo que renderá homenaxe ao labor que realizan os profesionais dos distintos eios da cadea mar-industria de Galicia
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe na praza do Obradoiro á posta de longo de catro rutas de foodtrucks que percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar ao abeiro da campaña Galicia sabe aMar e animar á cidadanía a consumilos.

O acto, no que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, serviu para enxalzar a gran variedade de peixes e mariscos cos que conta a comunidade -as lonxas galegas comercializan máis de 300 especies diferentes- e as especiais características deses produtos, da máxima frescura e calidade.

Santiago de Compostela converteuse así no punto de partida dos percorridos das catro foodtrucks, unhas rutas que coinciden con outros tantos Camiños de Santiago e nas que visitarán en primeiro lugar distintas localidades galegas para despois poñer rumbo a outras comunidades. Os seus destinos finais serán Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia, respectivamente.

Os catro vehículos percorrerán case 6.400 quilómetros deses máis de 250 municipios que suman arredor de 13 millóns de habitantes e permanecerán neles entre un e tres días ofrecendo unha degustación ao mediodía e outra pola tarde. En total realizaranse preto de 1.000 degustacións e serviranse máis de 200.000 petiscos.

As persoas que se acheguen a estas foodtrucks rotuladas co lema Galicia sabe aMar poderán probar algunhas das 10 receitas que se van elaborar con produtos certificados do mar (como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos co selo pescadeRías) xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

Deste xeito a campaña de promoción dos produtos do mar de Galicia -posta en marcha en 2021 para, entre outros obxectivos, render homenaxe a milleiros de profesionais que durante a pandemia traballaron arreo para que nos fogares galegos non faltase un prato de peixe- achegará á cidadanía elaboracións como choco con fabas de Lourenzá, navallas en mollo de pemento de Herbón ou zamburiñas en escabeche con garavanzos. Con elas, mostrarase a súa calidade e o gran labor que realizan os profesionais dos distintos elos da cadea mar-industria de Galicia.

Os catro percorridos

A primeira das catro rutas gastronómicas partirá de Santiago de Compostela e finalizará en Irún tras percorrer cidades como A Coruña, Ferrol, Xixón, Santander, Bilbao a San Sebastián. Este mes a súa presenza en Galicia centrarase en Santiago de Compostela (do 16 ao 18), Rianxo (o 19 e o 20), Boiro (23 e 24), A Pobra do Caramiñal (25) e Ribeira (26 e 27).

A segunda ruta pasará por Lugo, León, Burgos e Logroño antes de rematar en Pamplona. Nestes primeiros días visitará Negreira (mañá), Vimianzo (o venres), Zas (o sábado), Santa Comba (19 e 20), Coristanco (23), Cerceda (24) e Ordes (25 e 26).

A terceira foodtruck terá como principais paradas Pontevedra, Vigo, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Mérida e Sevilla. Non obstante, o seu percorrido por Galicia fará que pase por Ames (mañá e pasado), Brión (o sábado), Salvaterra de Miño (o domingo), Teo (os días 22 e 23), Padrón (24), Valga (25) e Caldas de Reis (26).

O cuarto itinerario pasa por Astorga, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Albacete e remata en Valencia. Antes de dar o salto a territorio nacional visitará mañá Vila de Cruces, o venres e o sábado Lalín, o domingo Silleda, os días 22 e 23 A Estrada, o 24 Ponte Caldelas, o 25 Salceda de Caselas, o 26 Vedra e o 28 de febreiro e o 1 de marzo, Ponteareas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023