A Xunta traslada ao Goberno central a reclamación do Parlamento galego para que non haxa discriminacións entre os profesores técnicos de FP

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, envíalle unha carta á ministra Pilar Alegría esixindo que se garanta igualdade de tratamento


Este acordo súmase ás reiteradas peticións do Goberno galego neste sentido desde que o Goberno central tomara unilateralmente a decisión de suprimir este corpo

 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, enviou á ministra de Educación y Formación Profesional, Pilar Alegría, unha misiva na que se informa do acordo do Parlamento de Galicia para que se proporcione un tratamento en igualdade de condicións para todos os membros do corpo de profesores técnicos de FP, declarado a extinguir pola nova lei educativa estatal.

Tal e como se indica na misiva, no texto aprobado na Cámara galega a semana pasada “o Parlamento de Galicia insta á Xunta a solicitar ao Ministerio de Educación y Formación Profesional que non faga discriminacións dentro do corpo do profesorado técnico de FP e elabore unha nova normativa para regular que estes docentes se integren no corpo de profesores de Educación Secundaria, con independencia de que teñan ou non o título universitario”.

Este acordo do Parlamento de Galicia súmase ás reiteradas peticións do Goberno galego ao Ministerio neste sentido desde que tomara unilateralmente a decisión de suprimir este corpo. Cómpre lembrar que hai menos dun mes o conselleiro reuniuse con profesores técnicos de FP para constituír unha fronte común fronte ao Goberno central para esixir igualdade de condicións.

Non en balde, a situación xerada polo Ministerio orixina ata cinco casuísticas distintas de persoal que pode ou non integrarse no corpo de Secundaria, o que leva consigo un caos administrativo, que pode derivar incluso en demandas legais e que teñen que resolver as comunidades autónomas, diante da total evasiva do Goberno central a xestionar esta problemática. En total hai máis de 1.000 persoas ás que o Ministerio non tivo en conta no seu desenvolvemento normativo e que agora se atopan nunha situación de desamparo.

Plan Conecta FP Galicia

O corpo de profesores técnicos de FP é para a Xunta unha prioridade, dado os eu papel fundamental para o crecemento destas ensinanzas, que o Goberno galego está impulsar a través da Estratexia FP Galicia 2030. Neste mesmo marco, o conselleiro abriu hoxe en Pontevedra as reunións territoriais do Plan Conecta FP Galicia, que teñen como finalidade deseñar unha oferta formativa adaptada ás necesidades do tecido produtivo en cada comarca, en estreita colaboración coas empresas.

 

O obxectivo final é xerar unha planificación formativa que dea resposta á rápida evolución de cada sector produtivo, ao ofrecerlle ás empresas profesionais máis e mellor cualificados para facer a economía galega máis competitiva. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova e, no caso da avaliación e acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral, mellores condicións para o acceso ao mercado de traballo destas persoas.

Data de actualización: 15/02/2023