O presidente da Xunta participou no Foro Next Generation Galicia do Perte Agroalimentario

Rueda anuncia que Galicia presentará un proxecto “forte, sólido e potente” ao Perte Agroalimentario enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea

En Smartz4milk participan 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia
 

Defende a colaboración pública e privada que deu como resultado os proxectos Milktelligence e Smart4Cheese que xa contan co apoio dos fondos Next Generation
 

Reitera a súa preocupación pola “lentitude” da execución dos fondos europeos por parte do Goberno central e demanda “celeridade “ e “descentralización”
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia presentará un proxecto tractor “forte, sólido e potente” ao Perte Agroalimentario enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea.

Así o deu a coñecer o titular do Goberno galego na participación no Foro Next Generation Galicia do Perte Agroalimentario, no que estiveron presentes tamén o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro do Medio Rural, José González; e tamén asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Precisamente, Rueda lamentou que o sector da conserveira quedase fóra destas convocatorias e garantiu que o Goberno galego seguirá reclamando que se lle dea cabida.
 
Rueda atribuíu á colaboración público-privada e á unión do sector o resultado do proxecto tractor Smartz4milk que se presenta ao Perte Agroalimentario, produto da simbiose da industria láctea co ecosistema I+D+i. Sobre esta iniciativa, salientou o feito de que participan un total de 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia, e que ten como obxectivo investigar e aplicar melloras nos procesos de produción da industria láctea.  
O presidente da Xunta considerou unha “oportunidade inmensa” optar ao Perte Agroalimentario, xa que lembrou que conta cunha partida de preto de 1.500 millóns de euros, pero lamentou que tivera que pasar un ano desde a súa aprobación ata que se publicou a convocatoria. No entanto,  defendeu a fortaleza da candidatura galega para acadar financiación. Por estes motivos, pediu “xustiza” e reclamou que “non sucedan as malas experiencias” doutros Perte, en referencia ao da automoción que deixou fóra na súa primeira convocatoria a Stellantis.

Proxectos lácteos con fondos europeos

Rueda salientou outros proxectos tractores que xa contan co apoio dos fondos europeos Next Generation, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

Neste senso, amosou a súa preocupación pola baixa execución dos fondos europeos, tendo en conta que o Goberno central só leva convocado o 30% (12.339 M€) dos 41.000 millóns anunciados. Advertiu, ao respecto, que se necesita “máis celeridade” e para iso considerou necesaria unha “certa descentralización, porque o tempo pasa e isto móvese con demasiada lentitude”, reprochoulle ao Goberno central.
 

Aposta polo sector lácteo

O mandatario galego advertiu que “non é ningunha casualidade” esta aposta da Administración galega por proxectos do sector lácteo galego para optar tanto ao Perte Agroalimentario como aos fondos Next Generation, xa que lembrou que Galicia lidera a produción de leite en España e sitúase entre as dez principais a nivel europeo.

Ademais, puxo en valor que a nosa comunidade concentra a maior parte dos grupos empresariais lácteos de España e o feito de que máis da metade dos gandeiros do país son galegos; cuns 6.600 profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023