Un total de 51 entidades recibirán máis de 3,6 M€ das axudas da Xunta para elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a súa promoción fóra da UE

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as dúas resolucións correspondentes á convocatoria de 2022 destas achegas

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas resolucións polas que se dá publicidade ás axudas concedidas para investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, por un lado, e para a execución de medidas de promoción do viño galego en mercados de terceiros países, correspondentes ambas á convocatoria de 2022.

No primeiro caso -axudas para elaboración e comercialización- son 32 os beneficiarios, cunha achega total que suma máis de 2,4 millóns de euros. Estas subvencións van dirixidas ás empresas e organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e organizacións interprofesionais.

Apóianse os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria ou equipamentos e a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

Os principais obxectivos desta liña de achegas son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.

Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outras finalidades pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Terceiros países

En canto ás axudas para accións de promoción en mercados de terceiros países (fóra da UE), os beneficiarios nesta convocatoria foron 19, que recibiron unha achega total de máis de 1,2 millóns de euros. Poden acollerse a estas subvencións as empresas vinícolas, as organizacións de produtores e as súas asociacións, así como os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados. Tamén se poden beneficiar as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.

Ao abeiro destas achegas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios ou degustacións.

Data de actualización: 15/02/2023