A Xunta reivindica na Laracha as mesas locais contra a violencia de xénero como “maximizadoras” de recursos e da resposta ás vítimas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xuntanza celebrada na Laracha na que puxo en valor os recursos do Goberno galego para loitar contra a violencia machista

Avogou pola coordinación entre institucións e cos axentes da sociedade na loita contra esta lacra e contra as agresións sexuais

A Administración autonómica, a través do Observatorio contra a Violencia de Xénero, actualizará o protocolo galego contra a violencia de xénero para adaptalo á nova normativa
 

A Laracha (A Coruña), 14 de febreiro de 2023.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na Laracha na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, unha xuntanza na que sinalou a importancia do funcionamento deste órgano e avogou pola coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero e as agresións sexuais.

No encontro -no que tomaron parte representantes locais do eido da educación, sanidade, servizos sociais, Garda Civil e do Centro de Información á Muller-, López Abella reclamou mellorar a resposta institucional ante a violencia de xénero e “maximizar o uso dos recursos dispoñibles, promovendo medidas de apoio no ámbito local, perfeccionando os protocolos de actuación e de comunicación entre os axentes coa finalidade de evitar revictimización destas mulleres e de mellorar a confianza das vítimas nas institucións”.

López Abella sinalou que as mesas locais xogan “un importante papel” para difundir os recursos dos que dispoñen as vítimas da violencia de xénero. Lembrou que Galicia conta cun protocolo galego contra esta lacra, deseñado no marco do Observatorio autonómico contra a violencia de xénero que, na súa recente xuntanza, abordou a súa actualización para adaptalo á nova lexislación, para o que contará coa colaboración das diferentes áreas profesionais (xurídica, sanitaria, social, educativa e seguridade).

A secretaria xeral, informou, por outra banda, da creación dun subgrupo de traballo no Observatorio dedicado ao estudo da violencia sexual para analizar e dar resposta máis axeitada a estes casos.

Violencia sexual

A Xunta conta na actualidade cun programa de atención ás mulleres vítimas de violencia sexual e as súas familias, unha iniciativa que, como sinalou López Abella, conta cun orzamento de 137.000 euros co obxectivo de seguir incrementando os recursos destinados a este fin. Neste sentido louvou o programa que a Administración autonómica desenvolve coa Fundación Meniños para intervir con mulleres vítimas de agresión sexual. “Trátase de garantirlles unha asistencia profesional integral e sensible, así como as súas familias, que tamén poden chegar a vivir situacións de dolor, como as propias vítimas que sofren desaxustes físicos, emocionais e de conduta”, especificou.

Esta iniciativa incide na atención especializada e na oferta de recursos terapéuticos que posibiliten e melloren a recuperación das vítimas desta forma de violencia de xénero, así tipificada na normativa autonómica.

A Xunta está a traballar para intensificar o labor das mesas nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen.

A posibilidade de dispor de mesas de coordinación destas características está aberta aos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada en 2012 no marco dun protocolo de colaboración asinado pola Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp).

A secretaria xeral puxo a dispor de todos os concellos galegos a Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero ( MLC) que persegue, tal e como detallou, promover no ámbito municipal políticas e actuacións para a prevencións e erradicación da violencia de xénero, buscando a mellora dos protocolos para a detección dos casos; optimizar a coordinación dos axentes implicados e ofrecer unha resposta áxil e óptima ás vítimas, mellorando, a protección en supostos de risco alto; así como continuar na información e sensibilización, tanto aos profesionais como á sociedade en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023