A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe en Touro a dous dos beneficiarios destas subvencións ao abeiro da convocatoria de 2022

A Xunta axudou xa a 600 mozos galegos a comprar a súa vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

Ángeles Vázquez salienta o éxito da convocatoria deste programa o ano pasado, que se saldou con máis de 360 beneficiarios, máis que nas dúas convocatorias anteriores

Anima os menores de 35 anos a acollerse á nova orde de subvencións publicada a semana pasada e que lles dá acceso a axudas de ata 10.800 € para adquirir o seu primeiro fogar nalgún dos 257 municipios que cumpren o requisito de poboación
 

Touro (A Coruña), 14 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia axudou nos últimos tres anos a un total de 600 mozos galegos menores de 35 anos a comprar a súa vivenda habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes, unha liña de incentivos que manterá tamén en 2023 e á que destinará un orzamento inicial de 1,55 millóns de euros.

Durante unha visita ao Concello de Touro para coñecer a dous veciños do municipio que recibiron o ano pasado unha axuda de 9.000 euros para comprar a súa vivenda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos bos resultados do programa nas tres últimas convocatorias.

En concreto, subliñou especialmente o balance do ano pasado, durante o cal a Xunta concedeu máis de 360 axudas a mozos para facilitarlles a adquisición da súa vivenda neste tipo de concellos, é dicir, máis que nas dúas convocatorias anteriores xuntas.

No caso concreto da Coruña, a conselleira destacou que esta foi a provincia cun maior número de beneficiarios, cun total de 150 axudas concedidas en 2022 por importe de máis de 1 millón de euros.

En vista do éxito do programa en Galicia, explicou que precisamente a semana pasada se publicou unha nova convocatoria destas subvencións, impulsadas co fin de axudar á mocidade á hora de constituír o seu fogar tendo en conta que son un dos colectivos que adoita ter máis dificultades económicas para poder emanciparse.

Por todo o exposto, Ángeles Vázquez animou aos menores de 35 anos que estean pensando en adquirir unha vivenda propia a aproveitar esta oportunidade e presentar as súas solicitudes para poder beneficiarse das axudas ata o vindeiro 31 de outubro.

Cun orzamento inicial reservado para este ano de 1,55 millóns de euros, os incentivos previstos poden chegar ata un máximo de 10.800 euros por inmoble, sempre que non supere o 20% do prezo de compra e a vivenda estea localizada nalgún dos 257 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes —o 82% do total—.

Outro dos requisitos é que o prezo de adquisición da vivenda —que terá que estar xa construída, con independencia de que sexa nova ou usada— non supere os 120.000 euros e que a operación se realizara con posterioridade ao 15 de novembro de 2022.

Para poder beneficiarse destas axudas, os solicitantes terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (24.318,84 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces o IPREM en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Así mesmo, cómpre subliñar que estas subvencións á adquisición de vivenda serán compatibles con aquelas destinadas ao mesmo fin sempre que as outorgue calquera outra institución pública ou privada diferente da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023