Asoporcel inaugura en Madrid Crónica da pegada do porco celta en Galicia, unha exposición fotográfica sobre a evolución da raza no último século

A través de medio cento de instantáneas, a mostra relata a traxectoria do Porco Celta dende inicios do século XX e recolle os principais fitos acadados por Asoporcel para a súa recuperación

A exposición estará durante a segunda quincena de febreiro na Casa de Galicia en Madrid, onde tamén se ofrecerá o martes 21 unha degustación de cocido de Porco Celta á que asistirán distintos representantes do sector gastronómico

Madrid, 14 de febreiro de 2023 O director de la Casa de Galicia, Juan Serrano inaugurou a exposición que leva por título, “Crónica da pegada do porco celta en Galicia”, e que poderá visitarse durante todo o mes nas sales recentemente bautizadas como Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro.

 

Serrano mostrouse satisfeito por acoller na Casa de Galicia esta exposición xa que   “é diferente, mostra en Madrid un produto de calidade diferenciado único, e porque o Porco Celta veu para quedarse en Madrid”, rematou o director, seguro de que iniciativas coma estas, que poñen en valor o patrimonio galego.

 

A exposición, posta en marcha por Asoporcel en colaboración coa Casa de Galicia en Madrid, busca achegar aos consumidores o labor desempeñado polos gandeiros e gandeiras de Porco Celta, así como tamén facelos coñecedores das características desta raza e das bondades das súas carnes. “Agardamos que os visitantes atopen proveitoso o noso repaso pola evolución da raza no último século e que, ao finalizar a visita, teñan máis interese ca nunca por axudar a preservar este animal e por saborear os seus produtos derivados”, subliñaron os voceiros da asociación durante a inauguración.

 

Nesta liña, durante a súa intervención, o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez, fixo fincapé no feito de que esta mostra é “unha das iniciativas máis especiais de entre todas as que levamos feito dende a asociación a prol da difusión e promoción da única raza porcina autóctona galega”.

 

Como parte das accións de promoción e difusión da raza na capital española, o martes 21 de febreiro a Casa de Galicia acollerá unha degustación de cocido de Porco Celta organizada por Asoporcel e na que estarán convidados hostaleiros da comunidade, bloggers gastronómicos e outros representantes do sector da alimentación.

 
 

En paralelo á exposición, con motivo do Entroido Asoporcel tamén vén de poñer de novo en circulación na Televisión de Galicia e nas redes sociais o spot de promoción do Porco Celta “Somos de Raza”, o cal está protagonizado por un grupo de gandeiros e gandeiras da asociación.

 

Os primeiros meses do ano son, cos tradicionais cocidos e as festas de Entroido que se celebran en toda a comunidade, datas clave para a promoción dos produtos desta raza porcina autóctona, polo que facer fincapé nas súas bondades entre os consumidores nestes momentos é unha acción estratéxica que impacta de xeito moi positivo nos operadores. 

 

A exposición “Crónica da pegada do porco celta en Galicia” poderá visitarse na sala Emilio Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 28 de febreiro, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023