O presidente da Xunta recibiu a João Antonio da Costa Mira-Gomes

Rueda traslada ao embaixador de Portugal en España a vontade de Galicia por manter os lazos de irmandade a prol do progreso da cidadanía ás dúas beiras do Miño

O titular do Goberno galego agradeceu ao Executivo luso a súa aposta decidida pola conexión ferroviaria de Portugal con España a través de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao embaixador de Portugal en España a vontade de Galicia por manter os lazos de irmandade a prol do progreso da cidadanía ás dúas beiras do Miño. O mandatario galego recibiu hoxe a João Antonio da Costa Mira-Gomes nun encontro no que tamén participou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. 

O titular do Goberno galego e o embaixador portugués coincidiron nos bos rendementos acadados polas relacións fluídas e constantes entre o norte de Portugal e Galicia a través da Eurorrexión, coa posta en marcha dun importante número de iniciativas que melloraron a calidade de vida da veciñanza e favoreceron a economía das persoas que viven e das empresas que traballan na zona transfronteiriza. 

Alfonso Rueda e João Antonio da Costa incidiron tamén na necesidade de seguir traballando para acadar as infraestruturas pendentes entre España e Portugal a través de Galicia. O presidente da Xunta agradeceu ao Goberno portugués a través do seu embaixador a súa aposta decidida pola conexión ferroviaria de Portugal con Galicia. 

Encontro cos empresarios galegos

O embaixador de Portugal en España tamén participou nun almorzo-coloquio organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia, no que interveu o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quen incidiu na relación de confianza entre Galicia e Portugal. Conde subliñou os retos e obxectivos comúns en sectores prioritarios como a automoción, a enerxía ou o agroalimentario e avogou por consolidar o potencial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para impulsar a súa competitividade.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023