A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desprazouse á localidade pontevedresa para manter un encontro con veciños

A Xunta inicia a consulta pública de cara á implementación de tres novas zonas de concentración parcelaria en Agolada

Inés Santé informou na xuntanza sobre o inicio da tramitación para a avaliación previa das zonas de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, A Baíña-Berredo-Órrea e Basadre-Eidián-Ramil, con arredor de 1.500 hectáreas implicadas en cada un dos casos

Sinalou que desde hoxe está publicada na web da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á súa posible execución, co obxecto de que os interesados poidan presentar alegacións deica o próximo 6 de marzo

En Agolada xa se remataron 13 zonas de concentración parcelaria, cunha superficie que acada as 5.323 hectáreas e con 2.121 propietarios implicados

Agolada (Pontevedra), 13 de febreiro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, anunciou hoxe o inicio da tramitación para a avaliación previa das zonas de concentración parcelaria de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, A Baíña-Berredo-Órrea e Basadre-Eidián-Ramil -no concello pontevedrés de Agolada- con arredor de 1.500 hectáreas implicadas en cada un dos casos para o beneficio dun total de 122 explotacións. Foi nunha reunión que mantivo con veciños interesados en seguir apostando por esta fórmula de reorganización da propiedade.

 

Así, a directora xeral sinalou que desde hoxe está publicada na web da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución destas zonas, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións deica o próximo 6 de marzo. En concreto, no apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta do cumprimento dos obxectivos xerais e os planos relativos a estes procesos.

 

Cabe destacar que en Agolada xa se remataron 13 zonas de reestruturación parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 5.323 hectáreas, afectando a 19.605 parcelas e a 4.876 predios resultantes de 2.121 persoas propietarias.

 

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, permite reorganizar parcelas de cara ao redimensionamento das explotacións, facéndoas máis rendibles e abaratando os custos de produción, incrementando a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. Así mesmo, posibilita mellorar as vías de comunicación, non só para as parcelas, senón entre poboacións, o que supón maior dotación de servizos básicos que potencian a calidade de vida no rural, entre outras actuacións relativas a infraestruturas.

 

Por iso, a Xunta segue impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este ano, está previsto investir 17 millóns de euros no desenvolvemento de distintas zonas de concentración parcelaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023