Estabilizado un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que se orixinou en tres focos e que afecta unhas 50 ha provisionais

Continúa controlado o incendio do municipio coruñés de Carnota, parroquia de Lariño, con arredor de 125 hectáreas de afectación, a maior parte delas de monte raso

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal rexistrado no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. Este lume iniciouse onte ás 20,27 h. en tres focos diferentes e deuse por estabilizado ás 13,10 h. de hoxe.

 

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para o seu control 7 axentes, 11 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero.

 

Controlado Carnota-Lariño

Por outra banda, continúa controlado dende as 11,29 h. de hoxe o incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Carnota, parroquia de Lariño. Este lume orixinouse ás 15,07 h. de onte, por mor dun vehículo que comezou a arder na estrada e logo pasou a terreo forestal. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 125 hectáreas, a maior parte delas de monte raso. Ata o momento mobilizáronse para o seu control 2 técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 13 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 13/02/2023