A Xunta prorroga o convenio de protección das aldeas, dotándoo cun orzamento adicional de 13,5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que prorroga este convenio dados os bos resultados obtidos ata o momento, xa que a superficie xestionada nas faixas secundarias pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % neste ano 2022

Así, en virtude da quinta addenda que se publica hoxe, os concellos piloto poderán levar a cabo actuacións subsidiarias sen límite de superficie en todo o seu territorio

A día de hoxe, están adheridos un total de 276 concellos, é dicir, o 88 % dos municipios totais de Galicia

Foron entregados 273 plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais a outros tantos concellos e, deste total, 207 xa están aprobados definitivamente en sede municipal

Ademais, no proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou aos orzamentos de 2023, e que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, mellórase substancialmente o procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución coa quinta addenda ao convenio de protección das aldeas, subscrito entre a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Servicios Agrarios de Galicia (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios. Así, dótase esta prórroga cun orzamento adicional de 13,5 millóns de euros (dos cales 1.250.000 euros se corresponderon a traballos de remate realizados en 2022) para poder levar a cabo as actuacións no marco do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.  

Neste senso, cabe lembrar que a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece o procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas e indica que son as persoas propietarias as que teñen a obriga de manter xestionadas as franxas secundarias e, de non ser así, será o organismo municipal o que proceda á súa execución de forma subsidiaria.

Conscientes da situación e das dificultades que teñen os concellos para facer cumprir dita norma, a Xunta estableceu un sistema público de xestión, onde os particulares con parcelas en parroquias priorizadas que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa aboarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa nos seus terreos. A día de hoxe están adheridos a este convenio de protección das aldeas un total de 276 concellos (o que representa o 88 % dos municipios totais), o que evidencia a boa acollida deste convenio entre as entidades locais.

De feito, en canto á xestión da biomasa, entre 2021 e 2022 a Xunta inspeccionou un total de 84.914,57 hectáreas de 1.243.069 parcelas. Ademais, no relativo á superficie xestionada –polos seus propietarios ou de xeito subsidiario por Seaga– pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % neste 2022. Ademais, os propietarios das parcelas xestionadas están sendo obxecto da correspondente notificación, advertíndolles da repercusión do custo e da imposición da correspondente sanción por dito incumprimento. Desde 2021, lévanse xerado un total de 250.303 notificacións e 208.635 referencias catastrais publicadas.

Por outra banda, entre as vantaxes deste acordo está a redacción do plan municipal antiincendios por parte da Administración galega, un plan que esixe a Lei de prevención e que ata o de agora practicamente ningún concello tiña. Nesta liña, cabe indicar que xa foron entregados por parte do Goberno galego 273 plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais a outros tantos concellos que non contaban nese momento con este instrumento de planificación. E deste total, 207 xa están aprobados definitivamente en sede municipal.

Por último, a través deste convenio ata agora tamén se posibilitaba aos concellos adheridos levar a cabo actuacións subsidiarias ata un máximo de 10 hectáreas de superficie por concello e ano. Porén, con esta quinta addenda ao convenio, esta limitación eliminarase no caso daqueles concellos seleccionados pola Comisión de seguimento como concello piloto, onde -respectando a dispoñibilidade orzamentaria- poderá actuarse subsidiariamente na totalidade do concello. Ata o de agora, os concellos pilotos eran os das Nogais, Monterrei, Cualedro, Lobios, Carnota, Gondomar e A Gudiña.

Modificación Lei de medidas

Ademais, no proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou aos orzamentos de 2023, e que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, mellórase substancialmente o procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas.

Neste senso, remarcouse que a obrigación de xestión de biomasa é durante todo o ano, aínda que desde finais de maio se intensifican os controis e, desde principios de abril, para aqueles que incumpriron nos últimos catro anos as súas obrigacións de xestión. É dicir, que o apercibimento é válido por catro anos, establecéndose a posibilidade de imposición de multas coercitivas, alternativamente ao procedemento de execución subsidiaria. Ademais, con esta modificación na Lei de Medidas, soluciónase tamén o problema do cobro dos custos da execución subsidiaria, xa que ata o momento non se podía recadar pola Administración autonómica, por corresponder a unha competencia municipal.

Porén, prevese que no marco do novo convenio de protección das aldeas, a Xunta poida exercer certas funcións (como ordenar a execución subsidiaria, notificar a liquidación e recadar os custos nos que incorreu) para un mellor desenvolvemento das actuacións que recolle dito acordo.  

 
Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230213/AnuncioG0426-030223-0001_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023