Estabilizado un incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Carnota, parroquia de Lariño

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta arredor dunhas 70 hectáreas provisionais

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023 A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Carnota, parroquia de Lariño.

O lume orixinouse ás 15,07 h. de onte, por mor dun vehículo que comezou a arder na estrada e logo pasou a terreo forestal. Quedou estabilizado ás 6,12 h. desta mañanciña. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 70 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para o seu control 1 técnico, 11 axentes, 17 brigadas, 13 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 13/02/2023