A Xunta achegou a nova Estratexia Galicia Retorna 2026 á Arxentina e O Uruguai, onde residen case 223.000 galegos do exterior, máis do 40 % do total

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, levou a cabo dúas conferencias en ambos países para explicar as liñas básicas deste documento, integrado por un cento de iniciativas e que busca facilitar o regreso á Comunidade de 30.000 galegos do exterior

Tamén participou na inauguración dunha exposición sobre o Camiño de Santiago en Córdoba e entregou os diplomas e Compostelas aos galegos do Uruguai e A Arxentina que participaron o ano pasado nos programas Conecta e Reencontros co Xacobeo

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou nos últimos días A Arxentina e O Uruguai para presentar a nova Estratexia Galicia Retorna 2026, co obxectivo de achegar aos case 223.000 galegos que residen nestes dous países, e que supoñen máis do 40 % do total da poboación galega exterior, esta ferramenta que ten como obxectivo facilitar o seu regreso á Comunidade Autónoma. En total, máis de 600 persoas asistiron ás conferencias ofrecidas en Bos Aires e Montevideo.

Tal e como explicou o secretario xeral, a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 da Xunta de Galicia duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, pioneira en España e aprobada en 2018. Partindo da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, a Estratexia Galicia Retorna ten como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior nos próximos 4 anos, tanto emigrantes como os seus descendentes.

Cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto, o dobre ca anterior, “persegue facer de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no estranxeiro”. Para acadar este reto, a Estratexia incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral, dándolle precisamente un importante protagonismo a este último, porque, tal e como explicou Miranda, “o emprego é imprescindible para asentar poboación, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias”.

Unha das máis importantes é o programa Retorna Emprego, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa.

O secretario xeral da Emigración aproveitou a viaxe tamén para inaugurar unha mostra fotográfica sobre o Camiño de Santiago en Córdoba, da man do artista Manuel Valcárcel, e para presidir, tanto en Bos Aires como en Montevideo, a entrega dos diplomas e as Compostelas dos galegos de ambos países que participaron o ano pasado nos programas Reencontros e Conecta co Xacobeo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2023