O conselleiro do Medio Rural supervisou as actuacións silvopastorís levadas a cabo en 22 hectáreas do monte veciñal en man común dos Montes e Os Campos, en Montederramo

A Xunta destaca que a provincia de Ourense supuxo un terzo dos pasteiros realizados desde o ano 2020, os cales actúan como ferramenta clave na prevención de incendios forestais

José González lembrou que o Plan de pastos prevé actuar nunha superficie total de 2.250 hectáreas en toda Galicia, o que suporá un investimento de 9,5 millóns de euros

As dúas primeiras fases xa están rematadas con actuacións nunhas 1.200 hectáreas de terreo en 39 montes veciñais de 35 concellos, das cales 355 ha están en Ourense

Estase executando xa a terceira fase para acondicionar máis de 300 hectáreas de superficie de 18 comunidades de montes veciñais, 80 ha delas en Ourense

O conselleiro aproveitou para anunciar o próximo decreto dun polígono agroforestal en Montederramo, concretamente na zona da Graña de Seoane, de case 99 hectáreas repartidas en 108 parcelas propiedade de 67 veciños

Montederramo (Ourense), 11 de febreiro de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou hoxe os traballos silvopastorís levados a cabo no monte veciñal en man común dos Montes e Os Campos, sito en Montederramo. Alí destacou que esta actuación, enmarcada no Plan de pastos de Galicia, é clave na prevención de incendios forestais, á vez que fomenta a gandaría en extensivo de Galicia.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou que o Plan de pastos prevé actuar nunha superficie total de 2.250 hectáreas en toda Galicia, o que suporá un investimento de 9,5 millóns de euros. Así, sinalou, as dúas primeiras fases xa están rematadas con actuacións en arredor de 1.200 hectáreas de terreo en 39 montes veciñais de 35 concellos. No caso da provincia de Ourense, executáronse pastos en 15 concellos que supuxeron o acondicionamento de 355 hectáreas nesta provincia.

Precisamente, un destes pasteiros executados foi o de Montederramo, que supuxo o acondicionamento dunha superficie de 22 hectáreas do monte propiedade dos veciños de Pena de Outeiro e Santiago de Medorra. Nestas actuacións, a Consellería investiu un orzamento de case 142.000 euros e os traballos consistiron na implantación do pasteiro tras a roza e sementado, na colocación de peches perimetrais en 3.120 metros, a captación e condución de auga e a colocación dun bebedeiro para o gando vacún.

Así mesmo, explicou o conselleiro, na actualidade estase executando xa a terceira fase para acondicionar máis de 300 hectáreas de superficie de 14 concellos e beneficiar 18 comunidades de montes veciñais. No tocante á provincia de Ourense, serían algo máis de 80 hectáreas de futuros pasteiros. A maiores, dixo, estase traballando tamén en diversos proxectos para futuros pasteiros que se desenvolverían nunha cuarta fase.

En calquera caso, José González indicou que con todas estas actuacións búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar, recalcou, na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Polígono agroforestal en Montederramo

Así mesmo, precisamente para mobilizar grandes superficies de terreo, o conselleiro aproveitou para anunciar o próximo decreto dun polígono agroforestal en Montederramo, concretamente na zona da Graña de Seoane. Este abarcaría unha superficie de case 99 hectáreas, repartidas en 108 parcelas propiedade de 67 veciños.

Así, indicou José González, tras a aceptación de máis do 70 % dos veciños implicados na implantación deste polígono, nas próximas semanas vaise acordar o inicio do procedemento para a aprobación deste instrumento de iniciativa pública de mobilización de terra, coa súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Así, indicou o conselleiro, trátase dun dos instrumentos de mobilización que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nesta liña, sinalou que, desde a entrada en vigor desta norma -en maio de 2021- están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria unhas 10.000 hectáreas de terreo, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.

No caso da provincia de Ourense, son 15 os polígonos agroforestais implementados, que contemplan unha superficie de algo máis de 5.000 hectáreas; e 13 as aldeas modelo, que comprenden unha superficie de algo máis de 450 hectáreas. Ademais, engadiu, esta mobilización de terreos permite xerar actividade económica e previr os incendios forestais.

Un dos obxectivos que comparte esta norma co Plan preventivo de Galicia. Neste senso, José González que este programa ten unha previsión de investir 33,1 millóns de euros para actuar en máis de 58.600 hectáreas de territorio e nuns 5.780 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2023