Rueda aposta por construír unha Galicia activa e saudable co orzamento en Deportes máis alto da historia

O presidente da Xunta participou na presentación oficial dos equipos Élite e Sub-23, Júnior e categorías inferiores para a tempada 2023 do Club Ciclista Padronés Cortizo

Padrón (A Coruña), 10 de febreiro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta por construír unha Galicia activa e saudable co orzamento en Deportes máis alto da historia. O titular do Goberno galego manifestou o seu apoio a actividade deportiva na presentación oficial dos equipos Élite e Sub-23, Júnior e categorías inferiores para a tempada 2023 do Club Ciclista Padronés Cortizo.

 

Rueda salientou os éxitos do Club Ciclista Padronés Cortizo desde a súa creación hai xa máis de seis décadas e augurou tamén unha gran tempada neste 2023 na que o equipo é xa un referente no ciclismo galego.

 

O presidente da Xunta reiterou o compromiso do Goberno galego co deporte ao destinar este ano a tal fin o orzamento máis alto da historia, con máis de 44 millóns de euros. No que se refire ao ciclismo, que experimentou un forte incremento en licenzas deportivas nos últimos anos, Rueda reiterou o apoio a unha actividade que é sinónimo de vida saudable e que a Xunta promove con eventos como O Gran Camiño ou co apoio a clubs como o Padronés Cortizo, ao que desexou unha carreira repleta de éxitos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023