Galicia celebra a próxima semana unha xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial e o V Congreso Internacional Aeronáutico

Organizados pola Administración autonómica e o Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), os eventos celebraranse o luns e o martes no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (Castro de Rei)

Participarán, entre outros, os socios tecnolóxicos e industriais da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, Airbus, Babcock e Telespazio, así como as empresas adxudicatarias e as entidades usuarias das novas solucións que se están a desenvolver para incorporar aos servizos públicos galegos

Castro de Rei (Lugo), 11 de febreiro de 2023 O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inaugurará o vindeiro luns, 13 de febreiro, unha xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial de Galicia e o V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial, que se celebrarán nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas, en Castro de Rei (Lugo).

A xornada, na que colabora o Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), desenvolverase entre o luns 13 e o martes 14, con preto de 200 persoas xa inscritas. Na sesión inaugural intervirá tamén a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, encargada de presentar o programa de I+D do Polo Aeroespacial de Galicia e dar conta dos avances nas actuacións que se están a desenvolver nesta iniciativa especializada no segmento dos sistemas non tripulados.

Participarán representantes dos novos socios tecnolóxicos da Xunta de Galicia neste proxecto, Airbus, Babcock e Telespazio, ademais dos responsables das principais empresas e centros vinculados ao sector en Galicia que colaboran con elas: Sixtema, Utingal, Clue Technologies, 4 Digital, Centum, Bahía Software, Ingeniería InSitu, Gradiant, Cetmar e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Tamén intervirán membros dos grupos de investigación da Universidade Politécnica de Valencia e da Facultade de Ciencias Biolóxicas e Ambientais da Universidade de León.

Unha das mesas redondas abordará as novas solucións mediante vehículos aéreos non tripulados para os servizos públicos da Xunta, coa presenza das empresas que van realizar os desenvolvementos -Babcock, Telespazio e un consorcio formado por Indra, Aeromedia e o Instituto Tecnolóxico de Galicia-, e das entidades usuarias -a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia, a Subdirección Xeral de Extinción da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, a Subdirección Xeral de Gardacostas da Consellería do Mar, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Consellería do Mar-. Ademais, a Business Factory Aero (BFAero) dará a coñecer algúns dos seus principais proxectos.

V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial

O martes celebrarase o V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial (CIAG) no que se presentarán tres dos informes elaborados no marco do Observatorio da Industria Aeroespacial, impulsado pola Xunta e o Consorcio Aeronáutico Galego. Estarán centrados na análise da cadea de valor do sector en Galicia, no financiamento da I+D no sector dos UAVs e na análise económica do sector aeronáutico e aeroespacial de Galicia e o seu sistema de valor.

Finalmente, no marco deste congreso abordaranse as oportunidades do Perte Aeroespacial, nunha conferencia a cargo de Héctor Guerrero, subdirector xeral da Oficina Técnica do Espazo, do Comisionado para o Perte Aeroespacial. E tamén expertos da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA), da Axencia Estatal de Seguridade Aérea e do Instituto Tecnolóxico de Galicia, para falar sobre o desenvolvemento de tecnoloxías, innovación e competitividade e sobre sistemas aéreos non tripulados e Urban Air Mobility.

Data de actualización: 11/02/2023