A Xunta traslada á plataforma de produtores de agricultura ecolóxica as melloras previstas para consolidar este xeito de produción no próximo período da PAC

O conselleiro do Medio Rural explicoulles a representantes da plataforma que case se triplicará o presuposto de 2022 para agricultura ecolóxica, acadando os 9 millóns anuais xa neste exercicio e ata os 45 millóns no vindeiro período da PAC

A maiores, está previsto incrementar as primas por hectárea nunha media do 25 % (e de ata o 29 % na conversión a gandaría ecolóxica), unha medida que cobre no período 2023 a 2027 a cantidade que algúns produtores deixaron de percibir no ano 2022

Así mesmo, aplicarase a degresividade, para dar prioridade ás pequenas e medianas explotacións.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con representantes da plataforma de produtores de agricultura ecolóxica, aos que lles explicou as melloras previstas de cara a consolidar este xeito de produción no próximo período da Política Agraria Común (PAC).  Así, o titular de Medio Rural apuntou que case se triplicará o orzamento de 2022 para as axudas de agricultura ecolóxica, con 9 millóns de euros anuais para un total de 45 millóns no total do próximo período de cinco anos.

 

Segundo lles detallou José González, a convocatoria deste ano contará cun compromiso de permanencia e tamén de financiamento de cinco anos. Suporá un incremento de presuposto de máis do 130 % sobre o orzamento previsto inicialmente para esta anualidade e un aumento do 183 % en relación co destinado no 2022. Ao tempo, o conselleiro lembrou que a partida de Extensificación das explotacións gandeiras dentro das achegas agroambientais subirá ata os 13,65 millóns anuais, para acadar un total de 68,25 millóns deica 2027.

 

A maiores, comunicoulles que está previsto incrementar as primas por hectárea nunha media do 25 % (e de ata o 29 % na conversión a gandaría ecolóxica), unha medida que cobre -tal e como resaltou- no período 2023-2027 a cantidade que algúns produtores deixaron de percibir no pasado ano 2022. Ademais, aplicarase a degresividade, para dar prioridade ás pequenas e medianas explotacións.

 

Así mesmo, o conselleiro apuntou que coa finalidade de que ninguén quede sen subvención, fíxoselle unha consulta ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea co fin de propoñer o prorrateo na convocatoria de axudas de agricultura ecolóxica, como medida extraordinaria para chegar a todos no caso de que as solicitudes de axuda superasen os fondos consignados. De non ser posible esa medida, concluíu, promoverase a priorización das axudas de acordo a criterios de selección ambientais-

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023