Galicia promove procesos produtivos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos a través do programa de economía circular

Ata o 28 de febreiro poden presentarse solicitudes á convocatoria de axudas da Xunta por 1,5 millóns de euros para favorecer a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos

Os apoios alcanzan o 35 % dos investimentos para as pequenas empresas e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en iniciativas individuais

Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe das axudas, centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de maquinaria para reemprego ou reciclaxe de refugallos

Ao abeiro da nova Lei de implantación empresarial, outorgaráselles unha puntuación superior aos proxectos que se desenvolvan en Concellos Emprendedores

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia activou unha nova convocatoria da liña de axudas para promover a economía circular entre o tecido produtivo galego, na procura de mellorar a competitividade das pemes e do colectivo autónomo impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente.

O programa, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, está impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Céntrase na implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, prevéndose que se poidan apoiar arredor de medio cento de proxectos, tanto individuais como colectivos. O obxectivo é promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

En réxime de concorrencia competitiva, os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro ás 14 horas, cobren o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros nos individuais.

Os beneficiarios poden solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

Entre os criterios de valoración, cómpre destacar a maior puntuación daqueles proxectos que se leven a cabo en localidades que teñan sido declaradas como Concellos Emprendedores.

Os proxectos propostos deben cumprir distintos obxectivos, entre os que destacan a redución do consumo de recursos no proceso produtivo, a facilidade para o seu reemprego ou reciclaxe, a creación de cadeas de valor máis curtas, ou a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reparación dos produtos.

Deste xeito, o Goberno galego dá un paso máis na Estratexia Galega de Economía Circular, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reemprego e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. Así, a través deste programa achéganse axudas directas para facilitar os investimentos das pemes e autónomos de cara á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular, o que se traducirá nun aforro de recursos e enerxía e favorecerá o reemprego dos refugallos.  

Data de actualización: 11/02/2023