A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o centro de Siradella no marco dos actos organizados a raíz do Día mundial da educación ambiental

A Xunta salienta as 21.500 visitas que recibiron o ano pasado as aulas da natureza e o seu papel clave como espazos de aprendizaxe e sensibilización ambiental

Ángeles Vázquez pon en valor o traballo realizado nestas instalacións xunto co resto de actuacións e programas no eido educativo, que benefician a 2.800 escolares

Tras indicar que a aula de Siradella é a que concentra a maior afluencia de Galicia, vincula estes datos co “incalculable valor” da contorna natural na que se localiza, unha das zonas húmidas máis coñecidas do país e todo un referente ornitolóxico

O Grove (Pontevedra), 12 de febreiro de 2023

As aulas da natureza dependentes da Xunta de Galicia recibiron ao longo do ano pasado un total de 21.500 visitantes, unha afluencia que pon de manifesto que este tipo de espazos destinados á aprendizaxe e á conciencia medioambiental son cada vez máis coñecidas dentro e fóra da Comunidade.

Durante unha visita á aula de Siradella, localizada en pleno corazón do complexo intermareal Umia-O Grove, punta Carreirón e lagoa Bodeira, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou a aposta realizada pola Xunta nos últimos anos no eido da educación ambiental, con actuacións impulsadas desde diferentes ámbitos e na que o labor das aulas da natureza resulta unha peza clave

Tras lembrar que o mes pasado se conmemorou o Día mundial da educación ambiental baixo o lema Aprendamos a estar en equilibrio coa natureza, a responsable autonómica explicou que este tipo de instalacións organizan e acollen ao longo do ano numerosas actividades como obradoiros ambientais, charlas e coloquios, roteiros guiados para dar a coñecer a contorna que as rodea e campañas de sensibilización cidadá.

Así mesmo e de forma complementaria, referiuse tamén aos diferentes programas pedagóxicos que, co mesmo fin, se impulsan no eido educativo e dos que actualmente se benefician na Comunidade ao redor de 2.800 alumnos de diferentes etapas.

Cómpre subliñar que a aula da natureza de Siradella é a máis visitada de Galicia, concentrando aproximadamente a metade da afluencia total rexistrada en 2022. Un éxito de público que a conselleira vinculou co bo facer do persoal ao seu cargo e coa contorna privilexiada e de “incalculable valor” medioambiental na que se localiza.

De feito, o espazo natural no que se localizan as instalacións e polo que esta mañá fixo un percorrido a pé a conselleira, acompañada polo xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, José Manuel González, están dentro da Rede Natura 2000 e conta co recoñecemento de varias figuras de protección medioambiental.

En concreto, neste espazo natural conflúen unha zona de especial conservación (ZEC), unha zona de especial protección de aves (ZEPA) e unha zona húmida protexida de importancia internacional Ramsar, o complexo intermareal Umia-O Grove, que, tal e como subliñou a conselleira, é unha das zonas húmidas máis coñecidas do país e todo un referente para a observación ornitolóxica, tendo en conta que se estima que cada ano pasan por el ao redor de 18.000 aves invernantes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2023