A Xunta explora novos nichos de mercado para o sector náutico galego na feira Batmassan de Gotemburgo

Gotemburgo (Suecia), 12 de febreiro de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, traballa na procura de novos nichos de mercado para o sector náutico galego co obxectivo de atraer navegantes do norte de Europa que recalen nos portos deportivos da nosa comunidade. Con esta finalidade a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou esta semana a feira náutica internacional Batmassan na cidade sueca de Gotemburgo.

A representante autonómica asistiu a esta cita sectorial para presentar as potencialidades do sistema portuario galego como destino para os navegantes do norte de Europa. Neste sentido, mantivo contactos comerciais con colectivos de navegantes con posibilidade de planificar rutas desde Escandinavia cara o sur de Europa e para os que Galicia resultaría unha escala estratéxica na navegación. Ademais reuniuse co club Svenska Kryssarklubben e a asociación Around the world.

Coa asistencia a este tipo de feiras, Portos de Galicia busca contribuír a consolidar as instalacións náuticas de Galicia como escala dos navegantes, pero tamén afianzar a súa chegada como turistas, facendo dos peiraos a porta de entrada ao conxunto do territorio.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 12/02/2023