Emigración leva ao Uruguai a campaña de presentación da nova estratexia Galicia Retorna 2026, que aposta fortemente polo ámbito laboral

O secretario xeral da Emigración, xunto á delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, explicaron no Centro Gallego de Montevideo as liñas básicas deste documento, integrado por un cento de iniciativas e que busca facilitar o regreso á Comunidade de 30.000 galegos do exterior

Xunto a Antonio Rodríguez Miranda, representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines expuxeron os detalles do novidoso programa Retorna Emprego

O Goberno galego destinará a este obxectivo, que incide en catro áreas principais (asesoramento, eido social, educativo e laboral), máis de 450 millóns de euros durante os próximos catro anos

Montevideo (O Uruguai), 10 de febreiro de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, levou onte á capital uruguaia a campaña de presentación da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26, dirixida á colectividade galega e que apenas unhas horas antes se expuxera no seu primeiro destino, o Club Español de Bos Aires. Ante máis de 200 persoas, o secretario xeral explicou esta nova ferramenta nun acto celebrado a última hora da tarde no Centro Gallego de Montevideo acompañado da delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez.

A nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 da Xunta de Galicia, duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, pioneira en España e aprobada en 2018. Á capital uruguaia viaxaron tamén representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas de xestionar o novidoso programa Retorna Emprego. No Uruguai residen máis de 40.000 dos 529.000 galegos do exterior.

Partindo da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, a Estratexia Galicia Retorna ten como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 retornados nos próximos 4 anos, tanto emigrantes como os seus descendentes.

O secretario xeral da Emigración explicou que a Estratexia Galicia Retorna dá continuidade ao documento aprobado en 2018, o primeiro en España en abordar dun xeito integral o retorno. Cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto, o dobre ca anterior, “persegue facer de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior”. Para acadar este reto, a Estratexia incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral.

 

Retorna Emprego

Segundo adiantou Antonio Rodríguez Miranda, a nova Estratexia conta cun importante protagonismo do eido laboral, porque “o emprego é imprescindible para asentar poboación, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias”.

 

Unha das máis importantes é o programa Retorna Emprego, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa.

 

Os representantes das dúas fundacións encargadas de xestionar este programa expuxeron os detalles desta novidosa medida, que permitirá aos seus beneficiarios volver á súa terra de orixe cun contrato dunha duración mínima de 12 meses e unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe de ida a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade.

 

Vivenda e autoemprego

Ademais, e entre outras liñas de actuacións, traballarase en proporcionar instrumentos de atracción profesional, así como a súa incorporación ao mercado laboral a través de incentivos específicos. Tamén se potenciarán as plataformas creadas para a xestión integral da información de interese e o asesoramento técnico; intensificarase o apoio integral ás familias no retorno, e tamén ao emprendemento e ao autoemprego, en especial no rural; facilitarase o acceso a unha primeira vivenda a través de novas iniciativas para retornados ou a incorporación desta figura a programas de axuda xa activas, como o bono de Aluguer Social.

 

As diferentes medidas incluídas neste documento buscan intensificar os esforzos para mellorar os resultados do retorno, sempre tendo en conta que a realidade social galega sitúa a Galicia entre as comunidades con maior volume de persoas que apostan por volver á terra de orixe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023