A Xunta anima a estudantes de Secundaria de Lugo a aproveitar as oportunidades profesionais que ofrece o ecosistema galego de innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, impartiu unha charla a alumnos e alumnas de 4º da ESO do Colexio Marista de Lugo con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Argerey instou ao estudantado, especialmente ás rapazas, a non poñerse límites e a non deixarse influír polos estereotipos de xénero na elección dos seus estudos
 

Lugo, 10 de febreiro de 2023.-

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, impartiu unha charla esta mañá a alumnado de 4º da ESO do Colexio Marista de Lugo con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra anualmente o 11 de febreiro en recoñecemento ao papel que desempeñan as mulleres na comunidade científica.

Argerey animou a todo o alumnado a descubrir as súas paixóns, fortalezas e habilidades e a non poñerse límites, especialmente entre as nenas, porque Galicia precisa todo o talento para desenvolver o seu potencial, e convidounos a aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o ecosistema galego de I+D+i. A responsable da Axencia Galega de Innovación destacou algúns exemplos das capacidades e do talento co que conta Galicia e presentou a Comunidade como “o lugar óptimo para desenvolver a súa carreira profesional”. 

Argerey apuntou que, malia que o talento non ten xénero, os estereotipos seguen influíndo na elección dos estudos das mozas e que a porcentaxe de investigadoras en ámbitos como a enxeñaría e a tecnoloxía segue sendo moi inferior á de homes, cando se precisa de máis talento feminino. Neste sentido, apuntou algunhas liñas de actuación como atraer ás nenas cara á ciencia e romper estes estereotipos facilitando referentes femininos ou apoiar e fomentar a elección non sesgada de estudos.

Por último, centrouse nas oportunidades que ofrece o Polo Aeroespacial de Galicia a nivel profesional, lembrando que require dunha gran variedade de perfís -desde enxeñeiros aeronáuticos ata informáticos, pasando por expertos en intelixencia artificial- e na utilidade das tecnoloxías que se están a desenvolver no seu marco, como a vixilancia do territorio, a prevención e extinción de incendios, tarefas de salvamento, etc.

Ademais da charla de Patricia Argerey, o colexio A Inmaculada- Maristas de Lugo celebrou outras actividades co fin de fomentar a igualdade de xénero e achegar o mundo da investigación e a innovación ao alumnado do centro: visionado de vídeos conmemorativos nas aulas de secundaria; diferentes charlas impartidas por mulleres destacadas polas súas profesións relacionadas coa ciencia, unha mesa redonda de “nais científicas”; e a charla da exalumna do centro e bióloga que desenvolve a súa actividade científica no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares, Cintia Folgueira.

Data de actualización: 10/02/2023