O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural interviñeron na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta executou desde 2020 arredor de 1.200 hectáreas dentro do Plan de pastos de Galicia cun investimento de case 5 M€

O titular de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, avanzou que está previsto rematar a finais deste ano outras 308 hectáreas, sumando outros 2 millóns de euros máis ao orzamento destinado a esta finalidade

Lembrou tamén que as axudas para produción ecolóxica vanse incrementar en 2023 ata os 9 millóns de euros anuais, comezando polas correspondentes a este mesmo ano e deica 2027, ata acadar un total de 45 millóns para o próximo período da PAC

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

Dentro do Plan de pastos de Galicia, a Xunta executou desde 2020 arredor de 1.200 hectáreas, cun investimento de preto de 5 millóns de euros que corresponden ás dúas primeiras fases desta iniciativa. Nunha terceira fase, está previsto rematar outras 308 hectáreas a finais deste 2023, sumando outros 2 millóns máis ao orzamento destinado para esta finalidade. Ademais, a Consellería do Medio Rural está a estudar outras solicitudes de pasteiros para implementar nunha cuarta fase. Así o explicou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento sobre esta cuestión.

 

O director xeral destacou que estas superficies favorecen a permanencia do tecido gandeiro galego, mediante a ampliación da súa base territorial e a extensificación das súas producións. Ademais, salientou os beneficios ambientais da medida, xa que os pasteiros protexen os montes fronte os lumes forestais, favorecen a biodiversidade ao rachar a continuidade das superficies a mato ou arboredo e incrementan o benestar dos animais polo seu maior acceso ao pastoreo.

 

Nesta liña, Balseiros trasladou que as actuacións para poñer en marcha os pasteiros consisten, en primeiro lugar, nos labores de implantación dun pasto herbáceo de calidade, mediante a corta e roza, o encalado, o laboreo, o fertilizado, a sementeira ou o despregado. A maiores, os proxectos poden incluír outro tipo de accións, como a instalación de peches gandeiros e pasos canadenses ou a colocación de sistemas de retención e control para determinadas medidas de xestión do gando, tales como mangas, curros ou recintos semellantes.

 

Outras iniciativas que destacou o director xeral teñen que ver coas infraestruturas para abastecemento de auga ao gando, da enerxía necesaria para o funcionamento dos servizos e a atención ás reses ou con construcións de acubillo para que os animais se poidan protexer das inclemencias meteorolóxicas e da depredación, así como para asistilos durante o parto e as corentenas ou vixilancias veterinarias.

 

Axudas á produción ecolóxica

Por outra parte, o director xeral respondeu tamén outra pregunta sobre axudas á produción ecolóxica. Neste sentido, José Balseiros lembrou o anuncio feito este mércores no Parlamento polo conselleiro do Medio Rural, no sentido de que estas axudas se van incrementar na convocatoria de 2023, cunha dotación de 9 millóns de euros anuais, comezando polas correspondentes a este mesmo ano e deica 2027, ata acadar un total de 45 millóns de euros para o próximo período da Política Agraria Común (PAC).

 

Ademais, en relación coas axudas de 2022, o director xeral insistiu en que non era previsible que nese exercicio se incrementara a superficie ecolóxica de Galicia nun 41 % (a maior subida desde 2015), un feito que condicionou a convocatoria, malia que se incrementaron os fondos en case un 60 %. “Ninguén podía agardar que ese aumento do orzamento fora insuficiente para cubrir todas as solicitudes”, remarcou.

 

Pola súa parte, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez, sinalou que a Xunta presentou recurso de apelación contra a sentenza sobre os descontos aplicados aos traballadores do Servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia pola folga indefinida de 2020. Así e todo, engadiu, o Goberno galego acatará a decisión xudicial que se determine, por mor do paro convocado polos técnicos do Servizo en plena época de alto risco, ao tempo que incidiu en que a Xunta aplicou -consonte a normativa vixente- o correspondente desconto na nómina de agosto ao persoal en folga de xeito proporcional e tendo en conta que nese período só desempeñou os servizos mínimos pactados, que se correspondían coas tarefas de coordinación e extinción de lumes, deixando de prestar as restantes tarefas que tiñan encomendadas en materia de prevención e de xestión forestal.

Data de actualización: 10/02/2023