A Xunta estende a plataforma FIDES como a canle dixital especializada para a xestión do emprego público

Busca dotar a Administración autonómica dun sistema de xestión que dea soporte ao expediente dixital do empregado público, aos procesos de selección de persoal e de carreira profesional de modo integramente dixital

O obxectivo de FIDES é axilizar os trámites relacionados co emprego público, reducindo prazos grazas a un maior nivel de automatización das xestións

FIDES permitirá dispoñer de toda a información relativa a un empregado público ou ás persoas que participan nalgún proceso selectivo dun xeito actualizado e accesible para quen o requira

Actualmente acceden á plataforma preto de 79.000 persoas entre profesionais e aspirantes e tramitáronse preto de 42.000 solicitudes entre procesos selectivos e de carreira profesional

Santiago de Compostela 12 de febreiro de 2023 A Xunta está a implantar a Plataforma FIDES como a canle dixital especializada para a xestión do emprego público. Con este obxectivo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia está a adaptar este sistema que se viña empregando na Consellería de Sanidade ás necesidades e requisitos da xestión dos recursos humanos do sector público autonómico. Esta media enmárcase no III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025.

O obxectivo é que FIDES se converta no portal do profesional do sector público no que todos os empregados públicos e aspirantes poidan realizar as súas xestións telematicamente. Ademais, será o sistema que dará soporte ao Expediente profesional dos traballadores dos sector público autonómico ou candidatos a selo, con toda a información necesaria e de calidade para a automatización dos procesos e para a súa reutilización dentro da Administración. Tamén terá a funcionalidade de xestionar os procesos selectivos, a carreira profesional, as listas de contratación ou os concursos de traslados, así como o rexistro doutras actividades dos empregados públicos, como as solicitudes de teletraballo, as inscricións de delegados sindicais, o réxime de compatibilidades ou os contratos de alta dirección, entre outros.

A principal vantaxe deste sistema é a simplificación e axilización dos procesos de xestión de persoal, ao aumentar a transparencia e reducir as cargas administrativas, proporcionándolles a empregados e aspirantes unha visión única da súa situación coa Administración autonómica.

Para garantir unha información veraz e de calidade orientada ao dato único, FIDES estase a configurar baixo as premisas do aproveitamento e optimización da información, creando un repositorio integrado de profesionais, reutilizando a información (servizos prestados, formación...) xa dispoñible en calquera departamento interno (DX Función Pública, EGAP, Xustiza, Educación...); definindo criterios comúns de clasificación da información que permitan unha baremación automática e precisa e aplicando tecnoloxías de automatización a través de robots ou asistentes virtuais.

Fitos en marcha e principais indicadores

FIDES ten en marcha boa parte das súas funcionalidades como o portal do profesional https://fides.xunta.gal; a identificación de méritos; a inscrición e validación electrónica nos procesos selectivos e para a carreira profesional, na que tamén está habilitada a baremación de cumprimento dos requisitos e a tramitación para a comunicación ao sistema de nómina. Así mesmo está dispoñible a inscrición nos procesos de estabilización de emprego e unha primeira fase do rexistro de actividades. As funcionalidades iranse completando entre 2023 e 2024.

Aínda que está en fase de construción, FIDES xa acumula unha serie de indicadores que dan conta da súa evolución nestas primeiras fases. Ata mediados de xaneiro xa accederían á plataforma 78.783 persoas, das que 64.315 son empregados públicos e 14.468 son aspirantes.

Ademais, xa se tramitaron a través de FIDES preto de 42.000 solicitudes entre procesos selectivos (un total de 21.729 entre profesionais e aspirantes) e carreira profesional (un total de 20.267).

Cómpre destacar que o proceso de carreira a baremación automática requiriu a análise de 580.000 rexistros de información distintos, obtidos de catro fontes de datos e que a resolución completa do procesos completouse en 25 días.

Co proceso de estabilización de emprego previsto para 2023 agárdanse varias ducias de miles de solicitudes no sistema.

Data de actualización: 12/02/2023