A Xunta reunirase o vindeiro luns con veciños de Agolada de cara á implementación de novas concentracións parcelarias no municipio

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desprazarase á localidade pontevedresa para manter un encontro con interesados nesta fórmula de reestruturación que permite ampliar a base territorial das explotacións


En Agolada xa se remataron 13 zonas de concentración parcelaria, cunha superficie que acada as 5.323 hectáreas e con 2.121 propietarios implicados


O presuposto da Xunta neste 2023 para seguir impulsando este tipo de procesos é de 17 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, desprazarase o vindeiro luns ao concello pontevedrés de Agolada para manter unha reunión con veciños interesados no impulso de novas concentracións parcelarias. Así, no encontro abordaranse as diferentes zonas solicitadas e as súas características, de cara á súa posible implementación.

 

Cabe destacar que en Agolada xa se remataron 13 zonas de reestruturación parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 5.323 hectáreas, afectando a 19.605 parcelas e a 4.876 predios resultantes de 2.121 persoas propietarias.

 

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, permite reorganizar parcelas de cara ao redimensionamento das explotacións, facéndoas máis rendibles e abaratando os custos de produción, incrementando a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. Así mesmo, posibilita mellorar as vías de comunicación, non só para as parcelas, senón entre poboacións, o que supón maior dotación de servizos básicos que potencian a calidade de vida no rural, entre outras actuacións relativas a infraestruturas.

 

Por iso, a Xunta segue impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este ano, está previsto investir 17 millóns de euros no desenvolvemento de distintas zonas de concentración parcelaria.

Data de actualización: 10/02/2023