A Xunta adxudica por 142.000 € a redacción do proxecto para construír 24 vivendas protexidas no barrio compostelán de Lamas de Abade

Con este novo contrato continúase avanzando no reforzo do parque público residencial de Santiago, onde o IGVS ten en marcha ou comprometidas un total de 60 VPP

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de 142.283,90 euros, IVE incluído, o contrato para redactar o proxecto e a dirección de obra para a construción dun edificio con 24 vivendas de promoción pública (VPP) no barrio de Lamas de Abade, en Santiago de Compostela.

A empresa adxudicataria terá 5 meses para redactar os proxectos básicos e de execución aínda que o contrato se prolongará durante o prazo de construción das vivendas, que contan cun investimento total previsto de preto de 3,3 millóns de euros. Este novo edificio virá reforzar o actual parque público residencial de Santiago, onde o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ten comprometida en total a construción de 60 novas VPP para responder á demanda deste tipo de inmobles por parte da veciñanza.

En concreto, ademais da referida promoción de 24 vivendas en Lamas de Abade, cómpre lembrar que o Goberno galego tamén ten previsto levantar outro edificio neste mesmo barrio cun total de 12 VPP. Neste caso, o servizo para a redacción do proxecto construtivo se adxudicou o pasado mes de decembro por un importe de 77.598,69 euros.

A estas dúas promocións públicas proxectadas en Lamas de Abade hai que engadir tamén as 24 VPP que actualmente xa están en construción no barrio do Castiñeiriño, un proxecto cun investimento previsto por parte da Xunta de 4,26 millóns de euros entre proxectos, obra e urbanización.

Neste sentido e tendo en conta que as grandes cidades son as que concentran a maior demanda de vivenda pública de Galicia, cómpre lembrar que a Xunta ten previsto construír máis de 500 novas VPP enerxeticamente eficientes en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.

 

Data de actualización: 10/02/2023