A Xunta licita por preto de 345.000 € a renovación e mellora do abastecemento e do saneamento no núcleo do Navallo, en Riós

Trátase de dotar a parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento que respondan ás necesidades dos veciños

Esta actuación prevé executarse durante este ano, cun prazo de 4 meses para a realización dos traballos

A Xunta financiará as obras cunha achega de máis de 325.000 euros no marco dunha colaboración co Concello, que asumirá o financiamento restante

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio deste contrato ao que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de marzo

A nova rede de saneamento de augas residuais dará servizo a 66 vivendas e coa mellora da rede de abastecemento dotarase de servizo a 76

O Goberno galego segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 343.840 euros as obras para a renovación e mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento no núcleo do Navallo, no concello de Riós.

A intervención obxecto deste contrato ten como obxectivo dotar á parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento que respondan ás necesidades dos veciños.
 
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da contratación das obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de marzo e obxectivo da Xunta é poder executar durante este ano as obras.
 
Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de novembro entre a Xunta e o Concello que prevé un investimento de máis de 405.000 euros. Segundo o establecido no convenio, a Xunta achegará máis de 325.000 euros para a execución destas obras e o Concello de Riós contribuirá ao financiamento restante.
 
Augas de Galicia será a encargada da execución das obras e ao municipio corresponderanlle a recepción, mantemento e conservación das actuacións acometidas.

Esta actuación financiarase no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O detalle das actuacións

Este núcleo de poboación da parroquia de San Vicente do Navallo dispón actualmente dunha rede de abastecemento de auga potable e dunha rede separativa de saneamento de augas residuais, na súa maior parte, con canalizacións instaladas hai máis de 30 anos.

A nova rede de saneamento de augas residuais que se vai executar ao abeiro desta colaboración entre a Xunta e o Concello será de tipo separativo, por gravidade, e inclúe a execución de 4 colectores, 9 ramais e 59 pozos de rexistro. A mellora proxectada supón unha lonxitude total de 1.442 metros para dar servizo a un total de 66 vivendas.
 
Segundo o proxecto obxecto deste contrato, a obra de mellora da rede de abastecemento partirá do depósito regulador actual para dar servizo a 76 vivendas mediante unha rede de distribución ramificada, polas características do viario do núcleo, con zonas de deseño mallado onde é posible. A lonxitude total da mellora da rede proxectada é de algo máis de 2.000 metros.
 
A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.
 
 

Data de actualización: 10/02/2023