Emigración entrega 30 distincións aos participantes dos programas Conecta e Reencontros co Xacobeo 2022 no Uruguai

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu o acto no que se entregaron 12 compostelas aos galegos residentes en Montevideo que participaron o pasado ano no Conecta co Xacobeo

Tamén se entregaron 13 diplomas acreditativos aos participantes no programa Reencontros co Xacobeo

Estes dous programas permitiron que galegos residentes no Uruguai coñeceran o Camiño de Santiago e puideran converterse en embaixadores do mesmo para animar aos cidadáns dos seus países de residencia a realizar a peregrinación a Compostela
 

Montevideo (O Uruguai), 10 de febreiro de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu, nas últimas horas, no Centro Gallego de Montevideo, acompañado da delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, o acto de entrega de Compostelas e diplomas aos case 30 participantes nos programas Conecta e Reencontros co Xacobeo 2022.

Deste xeito, a Xunta entregou 12 compostelas aos participantes do programa Conecta co Xacobeo que realizaron o pasado outono 100 quilómetros durante unha semana a través dos camiños Portugués e a Vía da Prata. Este programa permitiu que galegos menores de 65 relacionados con entidades do exterior de diversos países do mundo, entre eles, Uruguai, puideran realizar esta peregrinación, converténdose en embaixadores do Camiño de Santiago, para así animar posteriormente aos cidadáns dos seus países de residencia a realizar a peregrinación a Compostela.

Tamén se entregaron diplomas acreditativos aos 13 participantes no programa Reencontros co Xacobeo do ano pasado, procedentes do Uruguai. Neste caso, trátase de maiores de 65 anos que realizaron pequenos tramos do Camiño coa mesma finalidade que no caso dos Conecta.

Miranda agradeceu aos participantes o seu interese por coñecer a peregrinaxe a Compostela e “trasladar a súa beleza e a intensidade desta experiencia entre los galegos residentes en Uruguai e tamén entre a ciudadanía deste país”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023