A Xunta reúnese con viticultores en Salvaterra de Miño para traballar nas medidas fronte á flavescencia dourada da vide

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, vén de reunirse en Salvaterra con viticultores da denominación de orixe Rías Baixas para informalos das medidas que se están a tomar fronte a este organismo

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 9 de febreiro de 2023 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe no concello de Salvaterra do Miño con viticultores da denominación de orixe Rías Baixas, para falar das medidas da Xunta fronte á Flavescencia Dourada da vide, que lles afectan ao estar situados na zona demarcada establecida para combater o organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma.

 

Antes de en Galicia, a doenza xa fora detectada en Portugal nas zonas máis próximas á comunidade. Aquí apareceu en plantas illadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves, na provincia de Pontevedra e en Padrenda, en Ourense. Con todo, a zona demarcada esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

 
O director xeral recordou que as medidas para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide afectan tanto a produtores como a viveiros ou outros operadores profesionais, onde se detecte o organismo pero tamén na zona tampón, establecendo a destrución das plantas infestadas ou das situadas en parcelas abandonadas, así como a inmobilización de material de cultivo de vide ata a súa inspección oficial, entre outras medidas preventivas.

Data de actualización: 09/02/2023