A Xunta apoia as accións promocionais do xeodestino Ancares Terras de Burón, que lanza o seu pasaporte gastronómico

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, asistiu á presentación desta iniciativa promovida polo GDR Montes e Vales Orientais

A Fonsagrada (Lugo), 9 de febreiro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á presentación oficial do Pasaporte gastronómico que pon en circulación o xeodestino Ancares Terras de Burón, e que se poderá selar nas 14 festas gastronómicas que se celebrarán ao longo do ano nos municipios da zona.

Arias explicou que o GDR Montes e Vales Orientais impulsa proxectos económicos e sociais de distinto tipo a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que depende da Consellería do Medio Rural.

Ademais, a Axencia Turismo de Galicia subscribiu un convenio co GDR, na súa condición de órgano xestor do xeodestino, polo que achega 30.000 euros para outras actuacións turísticas e promocionais, como campañas de posicionamento, plan de marketing, xestión de redes ou accións formativas de traballadoras e traballadores do sector turístico.

A Feira do Butelo, que se celebra esta fin de semana na Fonsagrada, será a primeira ocasión para selar o Pasaporte gastronómico, no que tamén se inclúen a Festa da Androlla de Navia de Suarna, a Feira do Gando de Becerreá, a do Queixo do Cebreiro, a do viño en Negueira de Muñiz, as dúas festas da troita que celebran A Pontenova e Ribeira de Piquín respectivamente, a da Tenreira de Láncara, a da Empanada das Nogais, a Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña de Cervantes, a Festa do Emigrante de Pol, a da Malla de Meira, o San Vitorio de Baralla e a Feira do Mel de Baleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023