A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo participou na xornada sobre Transicións Territorial, Ecolóxica, Enerxética, demográfica, alimentaria, económica...

A Xunta avoga por un desenvolvemento territorial sostible, integrado e centrado nas persoas

Rivas afirma que é o momento de abordar todas as medidas necesarias para conservar, recuperar e poñer en valor o existente e evitar o seu declive

Xixón, 9 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia avoga por un desenvolvemento territorial sostible e integrado para mellorar de forma equitativa a vida das persoas, tendo en conta o conxunto da súa diversidade e complexidade, tal e como trasladou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, na xornada Transicións Territorial, Ecolóxica, Enerxética, demográfica, alimentaria, económica..., celebrada hoxe en Xixón.

 

Durante a súa intervención, a directora xeral avanzou que a Lei de ordenación do territorio de Galicia pretende lograr un cambio de paradigma para avanzar cara a “cidades coidadoras que sitúen ás persoas como elementos clave”.

 

E, a maiores, a Xunta tamén ten como obxectivo potenciar os núcleos rurais existentes como elemento identificativo do modelo de ocupación do territorio, outorgando prioridade á súa rehabilitación. “É o momento de abordar todas as medidas necesarias para conservar, recuperar e poñer en valor o existente e evitar o seu declive”, dixo Rivas.

 

Nesa liña, a directora incidiu na “racionalidade territorial” para configurar modelos de ocupación de solo que eviten a dispersión da urbanización e das edificacións dando prioridade á culminación de desenvolvementos existentes que favorezan a rehabilitación, rexeneración e renovación do solo así como a interdependencia entre o urbano e o rural, dando paso a un modelo de territorio globalmente eficiente.

 

Encarnación Rivas lembrou que o modelo de Galicia toma como referencias fundamentais as establecidas na política territorial da Unión Europea en canto ao desenvolvemento económico equilibrado e sostible; a cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación, de modo que todas as persoas dispoñan dun nivel adecuado de servizos e de oportunidades, e a utilización racional do territorio e a sostibilidade ambiental, mediante a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do medio ambiente.

Data de actualización: 09/02/2023