A Xunta creará 9.500 novas prazas para estudar FP nos dous próximos cursos atendendo ás necesidades dos sectores produtivos e as comarcas

Rueda resalta que o obxectivo é garantir “a conexión da FP co mercado laboral” e axustar a oferta de prazas a demanda real das empresas

A través do Plan Conecta FP Galicia analizaranse as especificidades de cada zona e deseñarase unha oferta formativa en colaboración coas empresas e axentes locais

O obxectivo é incrementar o número de cidadáns cun nivel de cualificación media, seguir reducindo o abandono educativo temperá, diminuír o déficit de traballadores cualificados e aumentar a empregabilidade da poboación

Subliña que para a súa elaboración apóstase pola “colaboración público-privada” coa participación de 10.000 empresas, 400 asociacións vencelladas ao sector produtivo e de arredor de 300 centros educativos

Preténdese que a cifra de empresas colaboradoras con estas ensinanzas se incremente nun 15 % cada curso académico e un 74 % na FP Dual

Colaborarán no seu desenvolvemento a Confederación de Empresarios de Galicia, a rede de Centros integrados de FP, outros departamentos do Goberno galego e as administracións locais

O investimento neste plan ascende a 30,7M€ cos que tamén se impulsará a avaliación e acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego creará 9.500 prazas para estudar Formación Profesional nos dous próximos cursos ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, co que a Xunta analizará as necesidades dos sectores e dos territorios para deseñar ofertas de Formación Profesional a medida do tecido produtivo galego. Rueda destacou que o obxectivo é garantir a “conexión da FP co mercado laboral” e que a oferta de prazas se adecúe a demanda das empresas.

Para iso, a Xunta aposta pola “colaboración público-privada”. De feito, tal e como explicou Rueda, na elaboración deste Plan participarán diferentes departamentos da Administración autonómica, “unhas 10.000 empresas, 400 asociacións, máis de 300 centros escolares” e a Confederación de Empresarios de Galicia, entre outros.

Entre os obxectivos deste Plan Conecta FP Galicia, o presidente indicou que a previsión é “aumentar en 4.500” as prazas de FP no vindeiro mes de setembro e que Galicia gañe outras 5.000 no curso 2024-2025. Ademais, subliñou que esta medida busca “que o número de empresas colaboradoras con estas ensinanzas aumente un 15% en cada curso académico”, un incremento que podería superar o 70% no caso da FP Dual.

Ademais grazas a este Plan agárdase incrementar o número de cidadáns cun nivel de cualificación media, seguir reducindo o abandono educativo temperá (que acaba de marcar o seu segundo mellor rexistro histórico na nosa Comunidade, un 9,9 %), diminuír o déficit de traballadores cualificados e aumentar a empregabilidade da poboación. De forma paralela, mellorarase a competitividade das empresas, dando resposta ás necesidades de capacitación que deben ter os traballadores que precisan, o que redundará nunha maior confianza da FP.

O investimento neste plan ascende a 30,7M€ cos que, ademais de crear as devanditas 9.500 prazas, se impulsará a avaliación e acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral, o que redunda tamén en mellores condicións para o acceso ao mercado de traballo destas persoas.

Participación

Para a implementación deste Plan, a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades estableceu unha colaboración coa Confederación de empresarios, que participará de forma directa no seu desenvolvemento. Ademais, os 24 centros que constitúen a Rede de Centros integrados de Formación Profesional de Galicia, como referentes destas ensinanzas, terán tamén un papel destacado na organización e desenvolvemento destas actuacións.

Prevese que participen neste plan de máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

 

Deste xeito, búscase realizar unha análise completa da situación do mercado laboral, que inclúa os diferentes puntos de vista e conseguir enlazar as necesidades de todos os participantes para acadar a mellora da FP e unha maior vinculación da mesma coas necesidades da sociedade.

Encontros sectoriais e territoriais

As actuacións vencelladas á elaboración do Plan Conecta FP Galicia divídense en varias fases. Na primeira fase realizaranse encontros sectoriais e territoriais en que se darán a coñecer as múltiples posibilidades do ecosistema de FP de Galicia, tanto de formación como de capacitación profesional, e recolleranse as necesidades de formación e capacitación que necesita o mundo laboral, tanto actuais como futuras.

 

Entre os meses de febreiro e marzo de 2023 desenvolveranse cinco encontros sectoriais, que reunirá ás empresas de forestal–madeira, da cadea mar–Industrias, do metal (automoción, naval, aeronáutica e construcións metálicas), de recursos naturais–enerxías sustentables e de turismo e hostalaría–industrias alimentarias. Ademais, para chegar ás empresas máis pequenas ou a sectores produtivos máis focalizados nunha zona xeográfica, organizaranse 14 encontros territoriais (catro encontros nas provincias da Coruña e Pontevedra e tres encontros nas provincias de Lugo e Ourense).

 

Os encontros sectoriais e territoriais de carácter presencial darán lugar á constitución de 19 grupos de traballo de ámbito sectorial e territorial en que estarán representados todos os axentes implicados e en que se traballará toda a información recollida nas dúas fases previas co obxectivo de facilitar o deseño de plans de formación profesional adaptados ás necesidades futuras dos sectores produtivos.

 

Nunha segunda fase estes grupos identificarán as necesidades actuais e futuras de formación das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nas competencias profesionais, incluíndo as profesións emerxentes, e concretarán os novos perfís profesionais relacionados con traballos futuros.

Froito deste traballo, cada un dos grupos elaborará un plan de acción de formación especializada para os seus ámbito profesionais. Estes 19 documentos conformarán o Plan Conecta FP Galicia, para o establecemento de ofertas de Formación Profesional á medida do tecido produtivo galego 2023-2025, que funcionará como unha ferramenta estratéxica para a definición das ofertas do sistema educativo.

Incremento do alumnado en Formación Profesional

Grazas a este Plan, a Xunta busca consolidar e ampliar o interese por unhas ensinanzas que contan cada vez con máis demanda entre o alumnado. No actual curso 2022-2023 matriculáronse preto de 61.000 persoas nalgún ciclo de Formación Profesional, o que supón un 75% máis que no curso 2008-2009, cando cursaban estes estudos case 34.800 alumnos.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023