A decisión do Supremo sobre ENCE dálle a razón á Xunta e descarta que o Regulamento de costas poida negarlle a prórroga a concesións anteriores a 1988

Asegura que avala a tese defendida sempre polo Goberno galego de que “é posible” o equibrio entre a preservación do medio ambiente e manter actividades “claves” para a economía galega

O Consello coñeceu esta mañá un informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre como afecta o fallo xudicial ao recurso interposto o pasado mes de outubro contra a modificación regulamentaria aprobada polo Estado

Os cambios introducidos polo Goberno central afectan tanto ás concesións de vivendas particulares como ás empresas en dominio público marítimo-terrestre con concesións anteriores á Lei de costas, negándolles na práctica o dereito a prórroga

O Tribunal Supremo senta doutrina ao decretar sen lugar a dúbidas que a decisión de prolongar a concesión á pasteira 60 anos máis é absolutamente legal, desmontando deste xeito a modificación do Regulamento xeral de costas
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o fallo da sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga extraordinaria de ENCE para permanecer na ría de Pontevedra dálle a razón ao Goberno galego nos seus argumentos en contra da modificación do Regulamento xeral de costas aprobada o pasado verán, xa que descarta sen lugar a dúbidas que se poida negar o dereito a prórroga ás concesións outorgadas no dominio público marítimo terrestre (DPMT) antes de 1988. “A sentenza avala a a posición da Xunta sobre as prórrogas das concesións en dominio público”, indicou.

Esta é a principal conclusión do informe que presentou hoxe a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ante o Consello para analizar como afecta este fallo xudicial ao recurso interposto pola Xunta en outubro contra a referida modificación.

Neste sentido, Rueda lembrou que o Estado aprobou en agosto de 2022 un real decreto polo que se introduciron cambios substanciais que afectan tanto ás concesións de vivendas particulares como ás empresas localizadas en dominio público marítimo-terrestre (DPMT) con concesións anteriores á Lei de costas de 1988. En concreto, “rebaixa a duración das novas concesións de 75 a 30 anos e tamén reduce a 30 anos as prórrogas extraordinarias, negando deste xeito na práctica este dereito aos titulares de títulos outorgados con anterioridade ao ano 1988”, sinalou.

Tendo en conta a transcendencia destas modificacións e que, ademais, se fixeron sen reformar nin derrogar a Lei de costas de 2013, aínda vixente, a Xunta decidiu recorrer ante o Supremo a reforma do regulamento xeral de costas ao entender que carecía totalmente de base e fundamento legal. De feito, o recurso autonómico foi admitido a trámite polo Tribunal e o pasado xaneiro o Goberno galego formalizou a demanda.

O presidente calificou de “moi restritiva” a última modificación da normativa de costas Goberno central e lembrou que “introduce moita inseguridade xurídica” en instalacións que levan moito tempo “xerando riqueza no noso litoral” e “cumprindo coas normativas medioambientais”. Nesta liña, sinalou que o fallo do Supremo demostra a tese que sempre defendeu a Xunta de que “a preservación do litoral e manter actividades claves para a economía galega é posible”.

O fallo xudicial sobre ENCE senta doutrina e avala os argumentos que defendeu sempre Galicia respecto das prórrogas xa que decreta, sen lugar a dúbidas, que a decisión neste caso concreto é absolutamente legal.

Deste xeito, desmóntase a reforma do regulamento xeral de costas aprobada polo Goberno central o ano pasado e pon en evidencia que a súa intención é, unha vez máis, a de deixar totalmente libre o litoral, sen modificar a lei sectorial en vigor nin ter en conta as diferentes actividades económicas que se desenvolven na costa ou as vivendas e o resto de construcións preexistentes.

De feito, en Galicia e segundo as estimacións realizadas pola Xunta, existen ao redor de 4.000 edificacións de todo tipo e condición, tanto públicas como privadas, afectadas polo dominio público marítimo-terrestre.

Estratexia para deixar a costa libre

A última reforma do regulamento xeral de costas obedece a un plan preconcibido desde 2018 polo Estado para impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da normativa de costas e propiciar a eliminación progresiva de toda actividade humana e económica do dominio público marítimo-terrestre.

Neste sentido, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no litoral a través da Lei de cambio climático, aprobada en 2021 e que limita estes títulos a un máximo de 75 anos contados desde a data inicial de concesión, ou a decisión da Avogacía do Estado en 2019 de allanarse nos procedementos xudiciais contra a prórroga extraordinaria de ENCE, a pesar de que esta fora concedida conforme ao marco normativo vixente, tal e como acaba de ratificar o Tribunal Supremo.

Así mesmo, o pasado mes de xuño o Ministerio someteu a información pública o chamado Plan da costa libre, un documento estratéxico que aspira a liberar o DPMT a través da retirada paulatina e controlada da presenza humana na costa ata o ano 2045.

Todas estas medidas impulsadas polo Goberno central afectan especialmente a Galicia, unha comunidade con 2.500 km de costa e onde máis da metade da poboación vive no litoral. Por iso, a Xunta leva tempo insistindo ante o Estado en que é fundamental e urxente que Galicia poida exercer as competencias plenas sobre a xestión do DPMT, completando así as transferencias iniciadas en 1985, hai case 40 anos, pola vía dun Real Decreto e sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía.

De feito, co fin de buscar o autogoberno pleno sobre a costa e asumindo o papel de xestión que lle corresponde, o Goberno galego está a tramitar a Lei de ordenación do litoral de Galicia, que xa superou o trámite de audiencia e de información pública. Así, nestes momentos trabállase co fin de elevala ao Consello da Xunta en primavera para a súa aprobación como proxecto lexislativo e posterior remisión ao Parlamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023