A delegada territorial, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus

A Xunta informa ao concello de Mugardos da convocatoria das axudas de 400.000 € para as festas de interese turístico de Galicia

As axudas teñen como obxectivo potenciar as festas galegas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico

Na comarca hai sete celebracións que contan con este recoñecemento: a Festa do Polbo de Mugardos, a romaría da Fraga (As Pontes), As Pepitas (Ferrol), o Oenach Atlántico (Narón), a Festa do Pan de Neda e o Pantín Classic Galicia Pro (Valdoviño)

Aneiros lembrou que tamén están abertas as convocatorias das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, así como as destinadas á creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais

Mugardos (A Coruña), 9 de febreiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, na que abordaron diferentes temas de interese para o municipio.

Aneiros lle informou da recente convocatoria das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, como a Festa do Polbo. Trátase dunha liña de financiamento da Administración galega que tiña quedado en suspenso durante a pandemia e que se recupera este ano.

 

Estas subvencións, dotadas dun crédito de 400.000€, teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, destacando que unicamente será subvencionable un evento por Concello solicitante. Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional.

 

Poderán ser beneficiarios os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2023 festas declaradas de interese turístico de Galicia. Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia.

 

As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, tendo como prazo de presentación máximo o próximo 25 de febreiro.

 

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, hai sete celebracións que contan co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia: a Festa do Polbo de Mugardos, a romaría da Fraga (As Pontes), As Pepitas (Ferrol), o Oenach Atlántico (Narón), a Festa do Pan de Neda e o Pantín Classic Galicia Pro (Valdoviño).

 
Durante o encontro, a delegada territorial tamén lembrou ao alcalde que están abertas as convocatorias das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, así como as destinadas á creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023