A Xunta avanza ante Aceesca que seguirá a ofrecer formación dual a persoas con discapacidade intelectual ou problemas de saúde mental

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na presentación dos resultados do programa piloto que rematan 10 persoas con discapacidade intelectual neste centro especial de emprego

A iniciativa forma parte do programa específico para persoas con diversidade intelectual ao que a Xunta destinará nos próximos tres anos 3 millóns de euros

O Goberno autonómico ten en marcha o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social no que se enmarca esta iniciativa e que mobilizará en 2023 un total de 44,5 M€

O Porriño (Pontevedra), 9 de febreiro de 2023 A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na xornada As túas necesidades, as nosas oportunidades organizada pola Asociación Aceesca de apoio a persoas con diversidade intelectual, na que se deron a coñecer a representantes do tecido empresarial os resultados do proxecto piloto de formación dual que permitiu formar neste centro especial de emprego 10 persoas na especialidade de xardinería, grazas ao apoio da Xunta de Galicia. A Xunta reeditará durante os próximos tres anos esta experiencia de formación en Centros Especiais de Emprego que abrirá, segundo anunciou Toca, a persoas con problemas de saúde mental.

Un dos eixos das políticas autonómicas de emprego pasa por apoiar a contratación das persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e as traballadoras e traballadores con discapacidade son colectivo prioritario. Este ano reeditarase o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social, que mobilizará 44,5 millóns de euros co propósito de mellorar as oportunidades de 6.000 persoas beneficiarias a través de sete programas diferenciados. Entre eles, especificou Toca, inclúese unha nova edición da formación dual en Centros Especiais de Emprego para persoas con discapacidade intelectual -como a que agora remata en Aceesca- que incluirá, como novidade, a participación de persoas con problemas de saúde mental e cun orzamento de 3 millóns de euros a tres anos prevé chegar a 100 beneficiarios.

Toca destacou a importancia destas iniciativas “fundamentais” para que as persoas con maiores dificultades de inserción poidan dar o salto ao mercado ordinario de traballo. Xornadas como a de hoxe, subliñou, resultan fundamentais para implicar tamén ao tecido empresarial na mellora das oportunidades de traballadoras e traballadores con discapacidade.

O proxecto piloto no que tomou parte Aceesca iniciou a súa andaina en febreiro de 2019 e remata o próximo 26 de febreiro. No mesmo participaron 10 persoas con discapacidade intelectual que durante este tempo, lembrou a secretaria xeral, puideron formarse cun contrato de traballo. “Ao remate obteñen o seu correspondente certificado de profesionalidade que valoriza a súa capacidade para exercer traballos relacionados coa especialidade da xardinería, e poder dar o salto ao mercado”. “Estas persoas teñen as competencias necesarias para o seu desenvolvemento profesional e están en condicións de poder desempeñar satisfactoriamente as súas tarefas”, lembrou Toca aos representantes empresariais convocados á xornada.

A secretaria xeral aproveitou a súa presenza para poñer en valor o traballo de Aceesca como entidade de iniciativa social, sen ánimo de lucro, que desde O Porriño traballa co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade intelectual, promovendo o cumprimento dos seus dereitos e favorecendo a súa autonomía.

Neste sentido subliñou compartir modelo coa entidade, que pon ás persoas no centro da intervención, proporcionando, entre outros servizos, apoios para o emprego. Resulta fundamental que no desenvolvemento da persoa con diversidade intelectual no eido laboral se atendan “os seus intereses, necesidades e particularidades”, especificou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023