Galicia comeza o ano cun xaneiro moi húmido no que se rexistrou un 92% máis de chuvia do habitual

O avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia sinala que a precipitación media acumulada foi de 290 l/m2, sendo o precedente máis próximo o do ano 2016

O mes pasado caracterizouse pola súa grande variabilidade, cuns primeiros 20 días de inestabilidade e precipitacións abundantes e un último tramo marcado, en xeral, por tempo seco e frío debido á predominancia dos ventos de compoñente norte

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023 Galicia comezou o ano 2023 cun mes de xaneiro normal en canto ás temperaturas e moi húmido. De feito, as precipitacións rexistradas foron un 92% superiores ao habitual, unha anomalía que ten o seu precedente máis próximo no ano 2016, cando choveu neste mesmo período un 142% máis do agardado.

 

Segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia, a precipitación media acumulada o pasado xaneiro foi de 290 litros por metro cadrado, un rexistro que reflicte con claridade que as chuvias acumuladas na Comunidade superaron os valores climáticos normais para esta época do ano.

 

En canto á temperatura media do mes, situouse apenas 0,1 graos por riba do esperado tendo en conta os rexistros obtidos nas estacións galegas máis representativas durante o período de referencia 1981-2010, o que fai que xaneiro poida considerarse como normal no conxunto da Comunidade.

 

En xeral o mes estivo marcado por unha grande variabilidade, con dúas partes moi diferenciadas. Así, ata o día 20 prevaleceron as baixas presións, con moita inestabilidade, chuvias abundantes e temperaturas moi suaves. Pola contra, os últimos días de xaneiro a situación cambiou completamente e a Comunidade quedou marcada polo tempo seco e frío, debido á predominancia dos ventos de compoñente norte.

 

En concreto e no relativo ás precipitacións, xaneiro foi un mes moi húmido con carácter xeral aínda que a distribución das chuvias presentou notables contrastes entre a provincia de Lugo, sobre todo nas áreas de montaña —con rexistros superiores ao 300% do normal en localidades da Serra dos Ancares— e o resto da Comunidade —con zonas como a Serra do Barbanza onde choveu ata un 27% menos do esperado—.

 

Por último e no que respecta ao comportamento dos termómetros, o mes comezou con valores elevados para esta época do ano pero que se viron compensados pola tónica predominante nos últimos 10 días, con temperaturas baixas, especialmente no que respecta ás mínimas. Deste xeito, a temperatura media das máximas situouse en 10,3 graos mentres que a media das mínimas foi de 3,2 graos.

 
 
En canto á distribución por áreas xeográficas, os valores máis altos concentráronse en zonas preto do litoral atlántico, onde se rexistraron temperaturas medias case 1,4 graos por riba do normal; mentres que tamén houbo anomalías negativas nalgúns puntos da Comunidade, concentradas principalmente nas zonas máis elevadas da Serra do Courel, con medias ata 1,5 graos por debaixo da media climática.

Data de actualización: 09/02/2023