A Xunta puxo en valor a Lei de recuperación agraria nunha xuntanza informativa no concello da Bola

A Consellería do Medio Rural ofreceu unha charla informativa sobre os obxectivos desta Lei, comprometida co avance na recuperación da actividade económica e social de terreos abandonados

Desde a entrada en vigor da norma arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria

A Bola (Ourense), 9 de febreiro de 2023 A Consellería do Medio Rural ofreceu unha xuntanza informativa sobre a Lei de recuperación agraria no concello da Bola, na provincia de Ourense. O encargado de dar esta charla foi Alfredo Fernández, subdirector de mobilidade de terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

 

Durante a charla informouse aos asistentes dos obxectivos e medidas incluídos na Lei, comprometida co avance na recuperación da actividade económica e social dos terreos en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nestes, e tamén para ampliar a base territorial das explotacións.

 

Estas ferramentas teñen como principal obxectivo impedir ou mesmo reverter o abandono no rural e resultan útiles tamén para protexer o medio ambiente, crear emprego endóxeno e para facer prevención e defender as persoas e os seus bens dos lumes forestais.

 

Algún dos instrumentos que inclúe a Lei son as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario e as agrupacións de xestión conxunta, co fin de poñer en valor terras a través de actividade agraria que xere riqueza e emprego, fixe poboación e sirva -ao tempo- para anticiparse aos incendios forestais. Seguindo esta liña, este conxunto de instrumentos persegue consolidar o sector primario galego garantindo a remuda xeracional da man das novas xeracións de homes e mulleres.

 

Cabe sinalar que desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023