Emigración entrega na Arxentina 80 distincións aos participantes dos programas Conecta e Reencontros co Xacobeo 2022

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu o acto no que se entregaron 39 compostelas aos galegos residentes en Arxentina que participaron o pasado ano no Conecta co Xacobeo
 

Tamén se entregaron 37 diplomas acreditativos aos participantes no programa Reencontros co Xacobeo
 

Estes dous programas permitiron que galegos residentes en Arxentina coñeceran o Camiño de Santiago e puideran converterse en embaixadores do mesmo para animar aos cidadáns dos seus países de residencia a realizar a peregrinación a Compostela
 

Bos Aires (A Arxentina), 08 de febreiro de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu hoxe, no clube Español de Bos Aires, acompañado do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, o acto de entrega de compostelas e diplomas aos case 80 participantes nos programas Conecta e Reencontros co Xacobeo 2022.

Deste xeito, a Xunta entregou 39 compostelas aos participantes do programa Conecta co Xacobeo que realizaron o pasado outono 100 quilómetros durante unha semana a través dos camiños Portugués e a Vía da Prata. Este programa permitiu que galegos menores de 65 relacionados con entidades do exterior de diversos países do mundo, entre eles, Arxentina, puideran realizar esta peregrinación, converténdose en embaixadores do Camiño de Santiago, para así animar posteriormente aos cidadáns dos seus países de residencia a realizar a peregrinación a Compostela.

Tamén se entregaron diplomas acreditativos aos 37 participantes no programa Reencontros co Xacobeo do ano pasado, procedentes de Arxentina. Neste caso, trátase de maiores de 65 anos que realizaron pequenos tramos do Camiño coa mesma finalidade que no caso dos Conecta.

Miranda agradeceu aos participantes o seu interese por coñecer a pregrinación a Compostela e “trasladar a súa beleza e a intensidade desta experiencia entre os galegos residentes en Arxentina e tamén entre a ciudadanía deste país”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023