Lorenzana ratifica o apoio autonómico coas persoas con enfermidade mental ao recoller o premio Feafes á Xunta polo seu labor coa inserción do colectivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recibiu o recoñecemento desta federación como acicate para seguir a traballar na busca de oportunidades laborais para as persoas con maior dificultade de acceso ao mercado

Indicou que o seu departamento reeditou o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social que mobilizará este ano 44,5M€ para unhas 6.000 persoas beneficiarias

Puxo en valor programas como ‘Posta a punto’ desenvolvida da man de Feafes para mellorar a empregabilidade de medio cento de persoas
 

Vigo, 8 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recolleu hoxe o premio Empréganos que a Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (Feafes) outorgou a este departamento da Xunta polo seu traballo a prol da inserción laboral do colectivo. A representante autonómica referendou o compromiso autonómico con estas persoas que se materializa este ano ccoa nova edición do Plan Emprega Discapacidade, que conta con 44,5 millóns de euros de orzamento co propósito de chegar a 6.000 beneficiarios.

O galardón, que se concede por primeira vez este ano, “anímanos a seguir traballando para asegurar a igualdade de oportunidades, para loitar contra os estigmas e para facer de Galicia unha sociedade máis xusta”, dixo Lorenzana no acto.

Lembrou que o Plan Emprega Discapacidade, unha iniciativa autonómica que iniciou a súa andaina o ano pasado, será reeditado este 2023 con 7 programas dirixidos á inserción laboral das persoas con discapacidade e en exclusión social. Está dotado con 44,52 millóns de euros para proporcionar máis e mellores oportunidades de emprego a estes colectivos, coa previsión de chegar a unhas 6.000 persoas beneficiarias.

Un destes programas, resaltou Lorenzana, é o que desenvolve Feafes xunto con outras catro entidades e consiste no desenvolvemento dun servizo de intermediación avanzado para persoas con discapacidade coa expectativa de superar as 1.300 persoas beneficiarias en dous anos.

Promoción do Emprego e Igualdade mantén desde hai anos colaboración con Feafes Galicia a través de programas especialmente dirixidos ao desenvolvemento de actividades de información, orientación e busca de emprego para as 80.000 persoas que representa a federación. Lorenzana destacou, neste marco, a iniciativa Posta a punto para o emprego, que acaba de rematar e que permitiu mellorar a empregabilidade de máis de 50 persoas. 

“É preciso sensibilizar á sociedade no seu conxunto e tamén ao tecido empresarial para fomentar a contratación, apoiando a eliminación de prexuízos e estereotipos”, aseverou a titular de Promoción do Emprego, quen incidiu en que a Xunta de Galicia seguirá a traballar en “proxectos que favorezan a inserción laboral das persoas con enfermidade mental, porque o emprego é un factor fundamental na súa inclusión que tamén axuda a que mellore a súa autoestima”, lembrou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023