Lorenzana salienta que Galicia Retorna e a Axenda Galega de Capacidades transformarán o mercado de traballo para ofrecer máis oportunidades de futuro

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou hoxe no Parlamento as iniciativas que está a desenvolver a Xunta para ofrecer ás galegas e os galegos un mercado laboral “forte e atractivo”

Sinala que a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego está a mobilizar recursos públicos e privados para crear e manter unha contorna de “aprendizaxe permanente” para contribuír á mellora da competitividade empresarial

Pon en valor a Estratexia Galicia Retorna coa que se prevé facilitar o regreso de 30.000 galegas e galegos do exterior nos vindeiros catro anos cun orzamento de 450 millóns

A titular de Promoción do Emprego apunta que a renovación integral do Servizo Público de Emprego de Galicia está a mellorar o sistema de difusión das ofertas

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, expuxo hoxe no Parlamento de Galicia as diferentes actuacións e planificacións que está a desenvolver a Xunta para ofrecer ás galegas e galegos un mercado laboral “forte e atractivo” e que sexa “máis accesible e estea mellor interconectado”, co reto de que as empresas poidan contar con perfís profesionais adaptados ás súas necesidades, e a cidadanía con máis oportunidades de futuro.

Para iso, referiuse a tres ambiciosas iniciativas que está a executar o departamento autonómico que dirixe: a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, a Estratexia Galicia Retorna e a renovación integral do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Con respecto á Axenda de Capacidades para o Emprego, sinalou que é pioneira en España, inspirada na Axenda Europea de Capacidades e articulada a través dun pacto social a tres bandas: Administración, tecido empresarial e poboación activa. O seu obxectivo é optimizar o emparellamento entre a oferta e a demanda de emprego, situando as capacidades das persoas no centro da axenda política e mobilizando, para iso, recursos públicos e privados para crear e manter “unha contorna de aprendizaxe permanente”.

Isto, en palabras de Lorenzana, permitirá que as persoas traballadoras avancen no desenvolvemento do seu potencial e as empresas poidan crecer e mellorar a súa competitividade.

No marco desta Axenda, a conselleira explicou que o Goberno galego artellou micro-formacións, deseñadas polas propias empresas, nas que poden participar tanto as persoas traballadoras ocupadas e desempregadas. No ano 2022, ao amparo desta medida, que se formalizou coa sinatura de convenios de colaboración cos clústeres e entidades representativas dos principais sectores estratéxicos para Galicia, leváronse a cabo 816 accións formativas, nas que participaron 12.405 alumnas e alumnos, dos que xa están cualificados máis do 80%. Para 2023, Lorenzana avanzou que para seguir executando estes convenios destinaranse 3,3 millóns de euros para poder formar a máis de 7.500 persoas a través de preto de 460 cursos.

Galicia Retorna e o Servizo de Emprego

A titular de Emprego centrou tamén a súa intervención na Cámara galega en explicar a Estratexia Galicia Retorna, coa que se pretende captar e reter talento. Estímase que nos vindeiros catro anos e cun investimento de 450 millóns de euros se facilite o regreso de 30.000 galegas e galegos do exterior. Esta planificación, segundo Lorenzana, ten o foco posto no eido laboral ao que se destinará ao redor do 40% do investimento global. Entre os programas que se levarán a cabo, puxo en valor o Retorna Cualifica Emprego dotado con case catro millóns de euros para que unhas 400 persoas residentes no exterior poidan retornar a Galicia cun contrato de traballo indefinido. “Este proxecto parte da idea do retorno como unha vantaxe competitiva que permita nutrir á sociedade e ás empresas galegas coa experiencia laboral de persoas de distintos países”, subliñou.

Esta iniciativa xa arrancou o pasado xoves cando o Consello da Xunta deu o seu visto e prace ao protocolo que se ofrecerá á clústeres, asociacións empresariais e outras organizacións sectoriais para que se impliquen na actuación. En palabras da conselleira, a medida resultará clave para atender a demanda de profesionais que precisen as empresas nos casos nos que non se estea a cubrir coas persoas residentes en Galicia.

Lorenzana, por último, referiuse á renovación integral do Servizo de Emprego de Galicia que vai desde a mellora da súa dixitalización, a través dunha ferramenta tecnolóxica que sincroniza información en tempo real, ata a mellora da capacitación do seu persoal grazas a un Plan de formación permanente e o novo corpo de orientadores laborais formado por 136 profesionais. 

Para rematar, concluíu afirmando que estas tres iniciativas favorecerán en Galicia o emprego estable, facilitando o incremento das oportunidades laborais e ofrecendo accións formativas para a adquisición de competencias e capacidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023