O director do Instituto de Estudos do Territorio visitou as actuacións realizadas no municipio

A Xunta valora o compromiso do concello de Cartelle coa protección da paisaxe coa rehabilitación de varios inmobles municipais

Estas actuacións foron financiadas con preto de 40.000 euros, ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego para a corrección de impactos paisaxísticos

 

Cartelle (Ourense), 8 de febreiro de 2023  A Xunta valora o compromiso do Concello de Cartelle coa protección da paisaxe, logo de levar a cabo a rehabilitación de varios inmobles municipais, ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego para a corrección de impactos paisaxísticos.

 

Durante unha visita a este municipio ourensán, na que estivo acompañado polo seu alcalde, Jaime Sousa, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, puxo este Concello como exemplo á hora de empregar esta liña de financiamento, posta en marcha pola Xunta de Galicia en 2021, para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais deteriorados polo paso do tempo e por unha insuficiente conservación.

 

Así, De Salvador salientou os traballos de rehabilitación realizados na fachada da escola da Seara, na que se eliminaron fendas e desconchados nos seus paramentos a través da limpeza, reparación de danos e posterior pintado.

 

Ademais, tamén visitou a actuación feita no lavadoiro Fontegrande, no que se instalou unha estada, se limpou e rexuntou a mampostería, pintouse e realizouse unha soleira de formigón.

 

Para levar a cabo estas actuacións, o Concello contou con preto de 40.000 euros de financiamento, o máximo ao que poden optar as entidades locais nesta liña de axudas.

 

Cómpre lembrar que a Xunta convocou este ano unha nova edición desta iniciativa, que, cun orzamento inicial reservado de 2 millóns de euros —1 millón para particulares e 1 millón para concellos—, estímase que se poderá axudar a máis de 50 entidades locais e a case 400 cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023