A directora xeral de Patrimonio Natural participou por videoconferencia nunha reunión monográfica sobre xestión e conservación do lobo

A Xunta solicita que o Goberno central rectifique a decisión de excluír a Galicia do reparto de fondos para o lobo

Belén do Campo lamenta que continúe o bloqueo desa transferencia, que cualifica como “unha decisión unilateral e sen fundamento legal que a xustifique”

Pon en valor que a Xunta xa levou a cabo a actualización do censo do lobo ibérico en Galicia, que conclúe que na Comunidade existen unhas 93 mandas reprodutoras

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A Xunta solicita que o Goberno central rectifique a decisión de excluír a Galicia do reparto de fondos para o lobo, tal e como reiterou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nunha reunión monográfica sobre a xestión e conservación desta especie e na que participaron representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e das comunidades autónomas.

 

Logo de lembrar que Galicia foi unha das comunidades que máis colaborou no establecemento dos criterios para o reparto dos fondos estatais para medidas preventivas e compensatorias por danos causados polo lobo, Do Campo lamentou que continúe o bloqueo desa transferencia, que cualificou como “unha decisión unilateral e sen fundamento legal que a xustifique”. E trasladou a necesidade de que esta situación non se repita na distribución de fondos para este ano 2023.

 

De feito, a Xunta xa interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra as resolucións do Miterd, en virtude das cales unicamente recibirán fondos para o lobo aquelas comunidades que non emitiron un voto contrario á Estratexia para a convivencia das actividades do medio rural co lobo e a súa conservación.

 

Cómpre lembrar que en función dos criterios e do reparto territorializado aprobados na Conferencia Sectorial, a Xunta tiña comprometidos para 2022 un total de 4,3 millóns de euros. Pero, posteriormente e en contra dos acordos adoptados, o Miterd vinculou a transferencia efectiva dos fondos á aprobación da devandita Estratexia, unha condición que non figura entre os criterios obxectivos de distribución aprobados no marco da Conferencia sectorial, órgano competente para tomar este tipo de decisións.

 

A directora xeral incidiu en que Galicia non pode subscribir esa Estratexia porque o documento non inclúe un balance dos resultados da estratexia anterior, nin foi redactado a partir dun censo nacional que permita actualizar e cotexar os últimos datos dispoñibles sobre a especie.

 

Nesa liña, Do Campo puxo en valor que a Xunta xa levou a cabo a actualización do censo do lobo ibérico, que conclúe que en Galicia existen unhas 93 mandas reprodutoras, dato que confirma a evolución positiva da especie na Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023