A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe co tecido empresarial de Palas de Rei

A Xunta reitera o seu compromiso cun desenvolvemento sostible para avanzar cara á economía circular

Ángeles Vázquez pon como exemplo dese desenvolvemento respectuoso co medio o proxecto de granxa de cría de larvas de mosca soldado negra que a empresa Bioflytech prevé instalar na localidade

Palas de Rei (Lugo), 8 de febreiro de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia cun desenvolvemento sostible para avanzar de cara á economía circular durante unha reunión co tecido empresarial do Concello de Palas de Rei.

 

Ángeles Vázquez puxo como exemplo dese desenvolvemento respectuoso co medio o proxecto “estratéxico e innovador” de granxa de cría de larvas de mosca soldado negra que a empresa Bioflytech prevé instalar na localidade xa que, por exemplo, ao ter unha contorna de produción completamente pechado ao exterior, reduce a emisión de gases de efecto invernadoiro.

 

Deste xeito, Galicia segue dando pasos para acadar o obxectivo global marcado pola Unión Europea de reducir as emisións nun 57% en 2030 e avanzar cara a unha Comunidade neutra, verde e resiliente.

 

A maiores, este proxecto conta cunha avaliación ambiental que conclúe que non vai supoñer ningún tipo de risco contaminante nin presentan inconvenientes para a súa contorna. Ademais, os insectos converten o alimento en biomasa dunha forma máis sustentable e eficiente que a maioría de seres vivos, reducindo os consumos de auga e o uso de antibióticos.

 

Este tipo de iniciativas están moi vinculados tamén ao concepto de economía circular, xa que os propios insectos actúan como recicladores naturais e asimilan nutrientes dunha ampla gama de produtos orgánicos.

 

Bioflytech prevé producir máis de 12.000 toneladas anuais de larva fresca de mosca para, posteriormente, segundo dixo a conselleira, desenvolver fariñas proteicas e graxas destinadas á alimentación animal. Este proxecto innovador, que contará cun investimento de ata 20 M€ nunha primeira fase, vai supoñer a creación de máis de 50 empregos directos e uns 75 indirectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023