O conselleiro do Medio Rural respondeu no pleno do Parlamento dúas interpelacións sobre esta cuestión

A Xunta aposta por consolidar a actividade ecolóxica en Galicia triplicando o orzamento de 2022 para as axudas da PAC que buscan fomentar estas prácticas

José González avanzou que a Xunta sacará unha nova convocatoria en 2023 con máis dotación económica e cun compromiso de permanencia e financiamento de cinco anos

Así, as axudas de ecolóxico contarán con 9 millóns anuais, ata os 45 millóns para o próximo período da PAC, e a partida de Extensificación das explotacións gandeiras acadará os 13,65 millóns anuais, ata un total de 68,25 millóns nos cinco anos

A maiores, está previsto incrementar as primas por hectárea nunha media do 25 % (e de ata o 29 % na conversión a gandaría ecolóxica), unha medida que cobre no período 2023 a 2027 a cantidade que algúns produtores deixaron de percibir no ano 2022

Engadiu que se fixo unha consulta ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea para propoñer o prorrateo na convocatoria de ecolóxico, como medida extraordinaria para chegar a todos se as solicitudes superan os fondos consignados

O conselleiro aclarou as circunstancias que rodearon a última convocatoria destas achegas, que se fixo de xeito extraordinario e tendo en conta os datos sobre superficie certificada en ecolóxico do Consello Regulador dispoñibles a principios do 2021

Explicou que esta convocatoria foi validada nun comité de seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia no que participan, entre outras entidades, as organizacións agrarias
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, respondeu hoxe no pleno do Parlamento galego dúas interpelacións sobre as axudas da Política Agraria Común (PAC) para agricultura ecolóxica. Na súa intervención, avanzou que este exercicio case se triplicará o orzamento de 2022 para estas achegas, con 9 millóns de euros anuais para un total de 45 millóns no total do próximo período de cinco anos; ao tempo que a partida de Extensificación das explotacións gandeiras dentro das agroambientais acadará os 13,65 millóns anuais, ata un total de 68,25 millóns deica 2027.

 

José González aclarou as circunstancias que rodearon a última convocatoria destas achegas, que se fixo -explicou- de maneira extraordinaria no 2022 e tendo en consideración os datos sobre superficie certificada en ecolóxico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) dispoñibles a principios do 2021.

 

Ao tempo, o conselleiro destacou o esforzo investidor da Xunta nesa convocatoria, cun incremento do orzamento de ata un 59 % respecto á de 2021, chegando ata os 3,18 millóns de euros, o que supuxo ademais un aumento de ata un 24 % en relación coa media dos sete anos anteriores, reafirmou o conselleiro. E todo iso, engadiu González, malia contar coa posibilidade de non convocar as axudas correspondentes ao segundo piar da PAC, ao ser o último ano do período de programación 2014-2020, como fixeron outras moitas comunidades autónomas.

 

Efecto chamada

Nesta liña, o titular de Medio Rural incidiu no carácter extraordinario desta convocatoria de 2022 e no feito de que contaba adicionalmente cun compromiso de permanencia na actividade, para os perceptores da axuda, reducido a un ano, en troques de cinco, como na anterior. Por iso, concluíu González, produciuse un “efecto chamada” que incrementou de xeito exponencial as solicitudes.

 

A maiores, o conselleiro fixo fincapé no feito de que esa convocatoria extraordinaria fose validada nun comité de seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia no que participan, entre outras entidades, as organizacións agrarias. De cara o futuro inmediato, o conselleiro avanzou que a Xunta sacará unha nova convocatoria neste 2023 con máis dotación económica, que faga fronte a todas as solicitudes e sobre todo ás que puideron quedar fóra, tanto de conversión como de mantemento.

 

Esta convocatoria, sinalou González, contará cun compromiso de permanencia e tamén de financiamento de cinco anos. Estará dotada con 9 millóns de euros anuais, segundo explicou o titular de Medio Rural, comezando polas correspondentes a 2023 e deica 2027, ata acadar un total de 45 millóns de euros para o próximo período da PAC. Trátase, tal e como salientou González, dun incremento “substancial” de máis do 130 % sobre o orzamento previsto inicialmente para esta anualidade e dun aumento do 183 % en relación co destinado no 2022, polo que se triplicará a dotación económica destas axudas. Sinalou ademais que esta nova convocatoria está pensada para consolidar a actividade ecolóxica na nosa comunidade.

 

A maiores, o conselleiro advertiu que está previsto incrementar as primas por hectárea nunha media do 25 % (e de ata o 29 % na conversión a gandaría ecolóxica), unha medida que cobre no período 2023 a 2027 a cantidade que algúns produtores deixaron de percibir no ano 2022. Polo tanto, pola vía do incremento das primas estase cubrindo sobradamente o que deixaron de cobrar aqueles que quedaron fóra da subvención o ano pasado, remarcou.

 

Por outra banda, José González sinalou que se pon ademais unha carga gandeira mínima -que é outra esixencia establecida en gandaría convencional e consensuada coas organizacións profesionais agrarias- de 0,7 unidades de gando maior (UGM) por hectárea e que se aplicará a degresividade para dar prioridade ás pequenas e medianas explotacións.

 

Axudas agroambientais

Así mesmo, o conselleiro explicou que se incrementará en 3,5 millóns de euros anuais a partida de Extensificación das explotacións gandeiras dentro das axudas agroambientais, unha liña que -engadiu- tamén contén un complemento de 1,5 millóns de euros para o pastoreo en concellos con presenza de lobo. Polo tanto, José González valorou que o total por ano destas axudas acadará os 13,65 millóns de euros -fronte aos 10,15 millóns previstos inicialmente-, ata un total de 68,25 millóns de euros no conxunto do período de cinco anos.

 

Coa finalidade de que ninguén quede sen subvención, o conselleiro trasladou -en todo caso- que se lle fixo unha consulta ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea co fin de propoñer o prorrateo na convocatoria de axudas de agricultura ecolóxica, como medida extraordinaria para chegar a todos no caso de que as solicitudes de axuda superasen os fondos consignados. De non ser posible esa medida, promoverase a priorización das axudas de acordo a criterios de selección ambientais, é dicir, “atendendo ao propio espírito destas achegas”, remarcou González.

Data de actualización: 08/02/2023