A Xunta dá comezo en Narón á nova edición do programa ‘Vexo Veo Xacobeo’ na que participarán preto de 3.500 nenos e nenas de 53 centros educativos galegos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron hoxe no acto de presentación que tivo lugar no no colexio Jorge Juan en Narón

O proxecto 'Vexo, Veo, Xacobeo' dota aos centros educativos de recursos didácticos e actividades educativas ao redor do Camiño de Santiago

Narón, 8 de febreiro de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron  hoxe nun acto de presentación da nova edición do programa “Vexo Veo Xacobeo”, na que participarán  preto de 3.500 nenos e nenas de 53 centros educativos galegos.

 

Esta nova edición que arrancou hoxe en Narón dota aos centros educativos de recursos didácticos e actividades educativos ao redor do Camiño de Santiago e tal e como destacou a directora de Turismo, a importancia do Camiño de Santiago como un elemento que deu forma á cultura que temos na nosa terra. “O Camiño e, por suposto, os valores do Camiño, como son a solidariedade, a humanidade ou a amizade, viven e dan forma á nosa sociedade, servindo como nexo de unión entre os pobos.“

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou a participación dos alumnos do CPR Jorge Juan no programa a través de contacontos e actividades “enfocadas a poñer en valor un recurso tan noso como é o Camiño”.

Aneiros agradeceu a implicación dos equipos docentes e manifestou o seu desexo de que esta segunda edición do programa acade maiores éxitos que a primeira e “cristalice a súa continuidade como unidade didáctica”.

O “Vexo veo Xacobeo” naceu coa intención de difundir o Camiño de Santiago e o Xacobeo entre os 193.000 estudantes de infantil e primaria galegos, a través dun contido de calidade, interese e actualidade para estes alumnos e as súas familias.

 
O proxecto «Vexo, Veo, Xacobeo» dota aos centros  de unidades didácticas, vídeo-xogos do Camiño de Santiago, conta contos e saídas guiadas a tramos do Camiño. Cada centro educativo participante presenta un proxecto cuxa finalidade é a divulgación do Camiño de Santiago e do Xacobeo e os seus valores. Complétase coa realización dunha serie de vídeos escolares nas que os alumnos/as falan do Camiño e do Xacobeo como canle de comunicación para a infancia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023