Miranda mantén unha reunión coa Casa de Galicia de Córdoba para coñecer a realidade actual dos galegos residentes nesta provincia arxentina

O secretario xeral da Emigración mantivo tamén un encontro cos representantes da Casa de España, interesándose pola situación da colectividade española e firmando no Libro de Ouro da institución

Córdoba (A Arxentina), 7 de febreiro de 2023.  O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro hoxe cos representantes da Casa de Galicia de Córdoba co obxectivo de coñecer a realidade actual dos galegos residentes nesta provincia arxentina e coñecer as actividades realizadas ao longo do pasado ano e o programa de iniciativas previstas para o 2023. Durante a visita tamén mantivo un encontro cos representantes da Casa de España, interesándose pola situación da colectividade española e firmando no Libro de Ouro da Institución.

Durante esta reunión, o secretario xeral tamén aproveitou para trasladar a esta entidade as novidades relativas as medidas recollidas na nova Estratexia Galicia Retorna 2026 que acaba de aprobar a Xunta de Galicia e que ten coma obxectivo facilitar o retorno dos galegos á comunidade autónoma e garantir a súa correcta adaptación a sociedade galega. Estas medidas, que chegan ao centenar, afectan a todos os ámbitos, o social, o educativo, o administrativo e o laboral. En especial, destacou a iniciativa Retorna Cualifica Emprego, que suporá un investimento de 4M€ para ofrecer postos laborais en Galicia, casando así as vacantes das empresas coas necesidades de traballo dos que volven. Os que se sumen a esta iniciativa contarán cun contrato laboral de, polo menos, un ano de duración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023